O COB gaña o derbi galego do Sar nun emocionante final (68-71)
Ogunsipe errou dous tiros para sentenciar, e o Obradoiro tivo a última acción
A tripla desesperada de Sergi Quintela non entrou e a vitoria marchou cara a Ourense
O exobradoirista Janis Timma foi lembrado nun emocionante minuto de silencio antes do incio do derbi. A primeira orde do debutante Félix Alonso foi buscar a Ondrei Balvin, que obtivo preto do aro os primeiros puntos do partido. A resposta do COB foi eficaz. Unha tripla de Sergio Rodríguez deulle vantaxe e Ben Krikke ampliouna pouco despois. O polivalente Unai Mendicote deulle ao seu equipo unha vantaxe de sete puntos ao inicio do segundo cuarto.
O COB facía sangue nun rival que anotou a súa primeira tripla no noveno intento. Dous acertos seguidos de Muñoz e Davison e as canastras de Sergi Quintela axustaron o partido. O segundo cuarto pechuse cunha tripla de Diogo Brito sobre a bucina. Máis tres para o COB.
O propio Brito comezou o terceiro cuarto do mesmo xeito, cunha tripla, o seu punto 14. O COB ampliou a súa diferenza a 9 nun terceiro cuarto que se converteu nun intercambio de golpes. Bos minutos de Millán Jiménez para o Obradoiro en ataque, se ben en defensa padeceu no emparellamento con Sergio Rodríguez, que fixo moito dano no poste ao inicio do último cuarto. O canario só puido ser parado con faltas.
Moncho López amosábase convencido tras o partido de que os seus foron xustos vencedores.
Con sete de vantaxe para o COB, unha antideportiva a Sergi Quintela deulle folgos a un tocado Obradoiro. Unha tripla de Micovic permitiulle afrontar aos santiagueses os dous últimos minutos co partido empatado.
Pero o COB derrochou carácter nun partido que dominou case sempre. Brito apareceu danada para darlle vantaxe de novo. Os ourensáns erraron dous tiros libres e déronlle unha última opción ao Obradoiro para forzar a prórroga. Quintela, moi forzado, non atinou. Os de Moncho López puideron festexar a súa novena vitoria. O Obradoiro queda con 7 e xa tres derrotas seguidas.
Coincidiu co seu rival o técnico local. Félix Alonso recoñeceu que os seus perderon por accións que foron máis aló do táctico, coo as perdas, malia a que deixaron en 71 puntos un equipo que media 86.