Publicador de contidos

Publicador de contidos

O chamado “fondo soberano”: moito nome, pouca substancia, por Santiago Calvo

OPINIÓN

O chamado “fondo soberano”: moito nome, pouca substancia, por Santiago Calvo

G24.gal 19/01/2026 08:07

Nos últimos días, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou a creación do que chamou un fondo soberano español, cunha dotación inicial de 10.500 millóns de euros procedentes dos fondos europeos Next Generation. O obxectivo declarado é dar continuidade ao Plan de Recuperación máis alá de 2026 e evitar que eses recursos se perdan por falta de proxectos executados a tempo. Segundo explicou o Executivo, este instrumento, xestionado polo ICO, aspira a mobilizar ata 120.000 millóns de euros mediante a captación de investimento privado orientado a sectores como a vivenda, a transición enerxética, a dixitalización, a intelixencia artificial ou a reindustrialización.

A idea, formulada así, soa ambiciosa. Pero convén parar un momento e separar o marketing político da realidade económica. Porque o primeiro que hai que dicir é que isto non é un fondo soberano no sentido estrito do termo. Os fondos soberanos auténticos nacen de excedentes: superávits orzamentarios persistentes, ingresos extraordinarios por materias primas ou grandes superávits exteriores. Noruega, Qatar ou Singapur non montaron fondos soberanos porque lles sobraban fondos europeos sen gastar, senón porque tiñan cartos de máis e decidiron aforralos e xestionalos con criterios de longo prazo. España, pola contra, non ten superávit orzamentario desde 2007.

O que se presenta agora é, máis ben, un vehículo financeiro para recolocar 10.500 millóns que o Goberno non foi quen de executar a tempo. E aquí é onde cómpre elevar o ton. Fálase de soberanía económica, pero o que hai detrás é unha operación para non devolver fondos a Bruxelas. Chámese fondo soberano, banco público de investimento ou como se queira, pero non enganemos a ninguén.

A promesa estrela é que por cada euro público se mobilizarán doce euros privados. Doce. Unha cifra que non resiste o máis mínimo contraste coa experiencia recente. O propio Plan de Recuperación apenas conseguiu achegarse a catro euros privados por cada euro público, e iso xa foi presentado como un éxito. Pensar que agora se vai triplicar ese multiplicador, sen cambios institucionais profundos e cun historial máis ben discreto na execución, é cando menos optimista.

Antes de lanzar grandes titulares, o razoable sería facer unha auditoría inmediata e independente do uso dos fondos Next Generation: que proxectos funcionaron, cales non e por que. Sen esa avaliación, o risco é evidente: crear un novo artefacto financeiro, con moito control político e escasa rendición de contas, para seguir gastando sen aprender dos erros.

En resumo, máis que un fondo soberano, isto semella unha solución improvisada a un problema de xestión. Moito nome, moita épica… e demasiadas preguntas sen resposta.

Claves económicas da semana

A semana do 19 ao 23 de xaneiro debúxase como un escenario de contrastes extremos: mentres a elite mundial se illa na neve dos Alpes para debater o futuro do planeta, aquí en Galicia e Madrid baixamos á area para pelexar polos ingresos do turismo e a estabilidade dos fogares.

Estas son as catro claves fundamentais que moverán a economía:

  • Primeira clave: o poder reúnese en Davos. Desde este luns 19, todas as miradas da xeopolítica se dirixen a Suíza. Arrinca o Foro Económico Mundial co lema "Un espírito de diálogo". Por que nos importa? Porque alí, entre reunións sobre Intelixencia Artificial e tensións bélicas, se decide o clima de confianza que despois move os investimentos globais. É o termómetro do medo e da oportunidade para este 2026.

  • Segunda clave: Galicia, protagonista en FITUR. O mércores comeza FITUR, a feira de turismo máis importante para nós. A Xunta desprega en IFEMA a súa estratexia para o Xacobeo 2027, poñendo o foco na desestacionalización e no turismo termal e náutico.

  • Terceira clave: a saúde da banca e o consumo. Entramos de cheo na tempada de resultados. O xoves 22 é o día D para a banca española: Bankinter presenta as súas contas anuais. Será o primeiro en facelo e servirá de canario na mina para anticipar se a baixada de tipos e a morosidade están a facer dano ao sector financeiro. Antes, o martes 20, Netflix renderá contas nos EUA, dándonos a medida exacta de como está o consumo dixital nos fogares.

  • Cuarta clave: escudo social e tensión no mar. O martes será un día de dobre cara institucional. En Madrid, o Consello de Ministros ten previsto aprobar a subida das pensións (2,7 %) e a prórroga da suspensión dos desafiuzamentos. Pero en Santiago, o Parlamento galego vivirá unha xornada tensa na Comisión de Pesca: o sector esixe solucións urxentes ante o recorte drástico na cota da xarda e as novas trabas de Bruxelas que afogan a frota de baixura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade