O Chacho despídese do Celta con bágoas e sen reproches
"Faime mal non ver xente que tería que estar aquí"
"Non agardaba a decisión pero respéctoa"
"É a primeira vez que me botan dun equipo en oito anos"
O Chacho Coudet despediuse da súa etapa no Celta despois de dous anos. Chegou a estas alturas hai dúas temporadas co equipo en postos de descenso e marcha despois de conseguir dúas permanencias cómodas sen o sufrimento doutras temporadas.
Coudet amosouse moi emocionado na súa despedida e non puido reprimir as bágoas. Asegurou que non entende a decisión do club pero respecta o seu despedimento. Coudet recoñeceu as dificultades deste proxecto no que tivo que reconstruír un equipo "ao que lle marcharon seis xogadores do equipo titular".
No acto non estivo arroupado por ninguén do Consello de Administración do Celta nin polo director deportivo externo Luís Campos. "A chegada de Luís mudou o proxecto ao 100 %. Non digo que sexa culpa de ninguén esta situación, simplemente é fútbol". Foi a última palabra de Coudet antes de marchar no medio dos aplausos dos xornalistas que ateigaban a sala.