Publicador de contidos

Publicador de contidos

O CES espera que a presidencia española da UE impulse o corredor atlántico ferroviario

O CES espera que a presidencia española da UE impulse o corredor atlántico ferroviario

Agustín Hernández denuncia a falta de implicación do Goberno de España

Cre que a rede básica non estará rematada no ano 2030

G24.gal 09/09/2023 14:05 Última actualización 09/09/2023 16:23

O consello económico e social de Galicia confía en que a presidencia española da UE supoña o pulo definitivo ao corredor atlántico ferroviario do noroeste, unha infraestrutura decisiva para o desenvolvemento do país.

Agustín Hernández, presidente deste órgano consultivo, cre que as obras non van rematar en 2030, como se prevía, e denuncia a falta de implicación do Goberno central.

Nunha entrevista no informativo Bos Días, da TVG, o presidente do Consello Económico e Social lembrou que a loita pola mellora das infraestruturas en Galicia sempre foi moi custosa.

Agustín Hernández explica que no proxecto inicial do corredor atlántico ferroviario, a UE excluía todo o noroeste de España e que foi a mobilización da sociedade civil e da rexións afectadas o que conseguiu incluílas en 2018.

Nas últimas semanas coñeceuse que Galicia non figura no órgano que xestiona o tráfico de mercadorías, e que o tramo noroeste, do que depende a conexión de Galicia coa rede europea, tampouco se vai beneficiar dos 6.200 millóns de euros de fondos europeos.

Hernández espera que a presidencia española da UE durante este semestre acelere as obras.

"Debería servir de impulso pero tamén é certo que a designación dun comisionado para o corredor atlántico debería de significar un impulso, pero pasados os meses vemos como realmente iso non significa que o Goberno de España aposte por esta infraestrutura, que non só dá servizo a Galicia, senón que dá servizo a todo o noroeste da península e permite vertebrar o territorio de España".

"É imposible acadar o prazo para o desenvolvemento da rede básica, que sería a primeira en estar executada no 2030 por desgraza para Galicia pero por desgraza tamén para acadar ese aumento no transporte de mercadorías por ferrocarril, xa que non podemos esquecer que tanto Galicia coma España están na cola da porcentaxe que se realiza a través do ferrocarril, estamos por baixo do 5 por cento e a media europea do 13 por cento", engade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade