Publicador de contidos

Publicador de contidos

O certificado covid será necesario para acompañar pacientes ingresados

O certificado covid será necesario para acompañar pacientes ingresados

Haberá cribados cada 15 días aos traballadores do Sergas non vacinados

Dada a situación, Comesaña insistiu en manter a prudencia

G24.gal 12/11/2021 13:52

Os hospitais galegos pedirán o certificado covid aos acompañantes dos doentes ingresados se o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala a medida.  Acordouno o subcomité clínico por entender que as visitas poden supor un factor de risco de propagación do virus no ámbito hospitalario.

"Polas características do manexo dun acompañante dun paciente hospitalizado, ás veces con certa dificultade de manter a máscara, considérase que hai máis risco. E estanse estudando outros ámbitos sanitarios que non imos concretar aínda, onde tamén puidera observarse ese risco e tamén puidera resultar conveniente pedir o certificado de vacinación", explicaba o conselleiro de Sanidade despois da reunión do subcomité.

Para reducir ese risco tamén se farán cribados quincenais ao persoal sanitario que non estea vacinado. O conselleiro de Sanidade vinculou o aumento da incidencia da covid-19 en Galicia a gromos que xa non son importados como cando comezou a repunta de contaxios hai unhas semanas.

"Estamos vendo gromos familiares pero tamén moitos en ceas e festas, nas celebracións destes últimos días e hai que lembrar que temos por diante outras festas e hai que ser moi prudentes", dixo García Comesaña.

Insistiu na necesidade de extremar as medidas de autoprotección e lembrou que en Galicia seguen abertos os puntos de vacinación sen cita para todas aquelas persoas que aínda non recibiron ningunha dose.

“Aínda que Galicia está na primeira posición das comunidades autónomas en porcentaxe de poboación diana vacinada, aínda nos queda unha pequena porcentaxe de poboación que non se vacinou”, precisou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar