O cerco acumula a estas alturas máis do dobre de capturas ca o ano pasado
O cerco acumula a estas alturas máis do dobre de capturas ca o ano pasado
Dende finais de marzo vendéronse nas lonxas galegas máis de 2.700 toneladas de sardiña
A campaña do cerco adiantouse este ano ao 20 de marzo e afronta agora o mes clave para a sardiña, coas festas de Santo Antón e San Xoán. A estas alturas, as perspectivas son moi boas, con máis do dobre de capturas que o ano pasado e a cifra máis alta da última década. A frota, con 150 embarcacións en Galicia, confía en que o prezo mellore, porque ata agora o quilo de sardiña non chegou a un euro.
Achégase a temporada alta da sardiña e todo invita ao optimismo. O cerco galego vive unha situación excepcional. O plan de recuperación da especie permitiu o aumento da cota de captura, que dende que comezou, a finais de marzo, leva máis de 2.700 toneladas de sardiña vendidas nas lonxas galegas.
Co adianto da campaña do cerco, a frota puido aproveitar a asignación de 56.600 toneladas que a Unión Europea adxudicou a España e Portugal. De momento, o xénero está a gustar.
"Moi ben. Xa empezou forte ao principio de todo con moita sardiña e moita xouba, que outros anos non había, e barata e bastante rica. Xa levamos dous, tres anos que xa dende o principio está boa", di Javier Ramilo, de Pescados A Raspa.
O mercado exterior ten cada vez máis importancia, e espérase que este ano se supere a cifra de 16.500 toneladas de sardiñas exportadas do 2022.