O Celta xogará no Bernabeu sen Joseph Aidoo e Carles Pérez
Tapia e Carlos Domínguez poderían ser os seus substitutos
Tampouco xogarán Mingueza e Hugo Mallo
O Celta terá que afrontar a visita ao Real Madrid no Santiago Bernabeu con baixas sensibles. Algunhas xa se coñecían, pero a máis inesperada, avanzada en rolda de prensa esta mañá polo técnico do cadro vigués, Carlos Carvalhal, é a de Joseph Aidoo. Titular en todos e cada un dos partidos disputados en competición doméstica polo equipo celeste desde a xornada 13 da tempada pasada, esta vez queda fóra por problemas físicos.
O mesmo lle ocorre a Carles Pérez, aínda que Carvalhal avanzou que se trata, en ambos os casos, de traumatismos, e que contan con poder recuperalos para o partido do próximo mércores fronte ao Elxe.
"Hai xogadores que xogan nesas posicións. Temos a nosa identidade: Nada vai cambiar, pelexaremos polos puntos".
"É un partido de esixencia máxima, un dos máis difíciles da tempada".
Para ese duelo tamén estará de volta Hugo Mallo, baixa por sanción que xa se coñecía. Máis difícil teno Óscar Mingueza, ausencia coa que tamén se contaba xa despois de que el dixese antes do Celta-Mallorca do pasado luns que o seu período de baixa roldaría as tres ou catro semanas.
O equipo vigués viaxa con 21 xogadores. Entre eles están o xogadores do filial Fernando Medrano e, por terceira xornada consecutiva, Miguel Rodríguez, que tivo minutos nas dúas anteriores. Coma sempre, está tamén Carlos Domínguez, aínda que esta vez ten opcións de ser a substitución de Joseph Aidoo, aínda que o adestrador dixo valorar tamén para esa posición a Renato Tapia, ao que xa probou noutras ocasións. A representación do filial, do que lembrou Carvalhal que tamén ten un partido importante, complétase cos porteiros, Christian Joel e Coke Carrillo.
Preguntáronlle a Carvalhal se está preocupado por se o árbitro está condicionado:
"Non sei quen é Negreira, non sei quen é o árbitro. Non quero saber quen nos pita"
O árbitro será o polémico Mateu Lahoz
✈️🔜💛
— RC Celta Galego (@RCCeltaGL) April 21, 2023
21 celestes para xogar no Santiago Bernabéu!#RealMadridCelta #TesouroCeleste pic.twitter.com/4VoDrthbPZ