O Celta só sumou un empate nas últimas once visitas ao Santiago Bernabéu
O último triunfo foi hai 18 anos, con Fernando Vázquez no banco celeste
O Celta, que o vindeiro domingo visitará o Real Madrid no Santiago Bernabéu na xornada 28, non gaña a domicilio ao conxunto branco en La Liga desde hai 18 anos, cando o equipo dirixido entón por Fernando Vázquez asaltou o estadio madrileño con goles do brasileiro Nené e de Jorge Larena.
Desde aquela, ambos os equipos enfrontáronse once veces na capital de España na competición ligueira e só nunha delas o conxunto celeste logrou puntuar. Foi na xornada 24 do curso 2019-20, con Óscar García Junyent como técnico.
Fedor Smolov adiantou o Celta no minuto 7, aínda que no inicio do segundo tempo o equipo dirixido daquela por Zinedine Zidane remontou con tantos de Toni Kroos e Sergio Ramos. Á falta de cinco minutos para o final do choque, Santi Mina igualou para os celestes.
O Celta comezou a preparar esta mañá o partido ante os merengues.