O Celta quere estrear a temporada cunha vitoria en Mestalla
O Valencia vén de asinar unha pretemporada de dúbidas
Vecino e Carles Pérez quedaron en Vigo
O partido principia ás 19:30 hs, con arbitraxe de Gil Manzano
O Celta principia a temporada coa ilusión de volver a Europa por segundo ano consecutivo e a esperanza de volver agasallar á afección con outra brillante prestación na Liga. E comeza en Mestalla, un campo que trae o grato precedente da campaña anterior, onde os vigueses remontaron e acabaron levando o triunfo por 1 a 3 (goles de Iláix Moriba, Fer López e Williot).
En Vigo quedaron Carles Pérez por decisión técnica e Matías Vecino, operado este xoves dun xeonllo. E entrou na lista Moriba, despois dunha pretemporada chea de rumores sobre a súa marcha. Como adoita, a aliñación de Claudio Giráldez é unha incógnita. Desde a portería; aí parece ter vantaxe Radu. Ata a dianteira, onde Hugo González pide paso.
Tanto para o Celta como para o Valencia este vai ser o seu primeiro partido do campionato. Se o dos celestes tivo que ser suspendido a semana pasada polo estado do céspede, no caso dos "ches" foi pola participación do arxentino Giovani Lo Celso no Mundial dos Estados Unidos, México e Canadá.
Os dous chegan con gañas e con dúas pretemporadas moi distintas; a dubitativa dos levantinos e a sólida do Celta. E os dous intercambian louvanzas. O adestrador do Valencia, Carlos Corberán, cara Claudio e as prestacións deste Celta europeo. E co técnico celeste salientando a cantidade de rexistros e o complicado que é sempre medirse a este Valencia de Corberán.
O partido arranca ás 19:30 horas e contará con Gil Manzano como árbitro e con David Gálvez no VAR.