Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Celta perde en Braga (3-1) o seu segundo partido da pretemporada

O Celta perde en Braga (3-1) o seu segundo partido da pretemporada

Os de Claudio Giráldez víronse superados por un rival máis rodado

Gorby e Zalazar marcaron na primeira metade

Jones acurtou para o Celta, pero Diego sentenciou

Foto: EFE
G24.gal 19/07/2025 23:00

O Celta volveu perder contra un rival portugués no seu segundo choque da pretemporada. Desta volta foi o Sporting Braga o seu verdugo, logo do triunfo do Famalicao en Afouteza o martes pasado.

O Celta saíu mellor neste encontro, e mesmo dominou territorialmente por momentos. Pero, con problemas e falta de efectivos na súa dianteira, non era quen de crear ocasións de perigo.

Pero o Sporting de Braga, máis rodado e inmerso nas previas da Europa League, aproveitou a súa primeira chegada. Un ataque ben levado, con cesión á esquerda de Navarro, aproveitouno Gorby para rematar cruzado e sorprender a Radu. O porteiro romanés tocou o balón, pero non foi quen de desvialo. Si que o fixo so un minuto despois, no seguinte ataque local cun disparo de Ricardo Horta que despexou abaixo.

O gol sentoulle mal ao Celta, que perdeu a posesión do balón ata a pausa de hidratación e, á volta da mesma, unha indecisión entre Mingueza e Starfeld acababa cun dubidoso penalti asubiado polo colexado. Marcouno Zalazar.

Aínda puido levar o Braga unha renda maior ao descanso. No minuto 42, Ricardo Horta voleaba un centro desde a dereita e o balón batía no traveseiro de Radu. O Celta tamén tivo a súa, pero o remate desviado de Hugo González quedou anulado por fóra de xogo.

Co paso polos vestiarios, e cunha manchea de trocos (o Braga mesmo cambiou a cor das camisetas) o Celta volveu sair mellor na segunda metade. E, no minuto 52, El-Abdellaoui anotaba por fin o seu primeiro gol, o primeiro do equipo nesta pretemporada. Foi cun remate cruzado á base do pau logo dun pase filtrado por Hugo Sotelo. E puido empatar o equipo vigués contra a hora de xogo, logo dunha falta sobre Miguel Román que Hugo Sotelo rematou alta. Pouco despois, chegaban as malas noticias, coa lesión de Fran Beltrán. Entrou Tincho, e gozou dunha inmellorable ocasión que non puido marcar.

Sen embargo, ía chegar a sentenza do Braga, que practicamente non tivo ocasións. Un lanzamento espectacular de Diego desde uns 30 metros acabou na escadra de Iván Villar. Segunda derrota do Celta noutros tantos partidos de pretemporada, aínda que o conxunto vigués xa amosa treitos de bo xogo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade