O Celta Femxa Zorka volve á máxima categoría pola vía rápida
Un ano despois do descenso da Liga Feminina consegue ascender logo de derrotar o Ardoi na final por 63-53
Un ano despois do descenso o Celta Femxa Zorka regresa pola porta grande á Liga Feminina despois de gañar na final polo ascenso ao Ardoi por 63-53. O equipo de Cristina Cantero completou unha gran temporada e non fallou na fase final que se disputou no seu pavillón de Navia.
Despois de perder o ascenso na fase regular contra o Palma o equipo vigués estaba convencido de acadalo na fase de ascenso. Despois de derrotar o Melilla na semifinal só lle quedaba un triunfo para festexar coa súa afección. Foi un partido redondo no que impuxo a súa lei no segundo cuarto no que colleitou unha vantaxe de dez puntos que exprimiu ata o final do partido.
Os puntos de Jessica Kelliher (16) e o traballo colectivo con outras catro xogadoras por riba dos oito puntos (Zimanos, Vennema, Gea e Salinas) permitiulle ao Celta superar o seu rival co que compartiu descenso o ano pasado.