O Celta cae ante o Stuttgart no cuarto amigable da pretemporada
Primeiro test serio para os de Claudio Giráldez que malia a derrota por 2-1 melloran a súa imaxe
Un grave erro de Iván Villar determinou o encontro
O cuarto amigable da pretemporada levou o Celta a Alemaña. Cita ante o Stuttgart, nun partido que comezou dezaoito minutos tarde pola choiva.
Custoulle aos vigueses dar co ritmo do encontro. Os primeiros minutos estiveron marcados polas interrupcións. Superadas esas trabas, o Celta foi de menos a máis. Jutglá dispuxo de varias ocasións. Undav tivo a súa e obrigou a Radu a estirarse. E xusto cando máis claro semellaba o gol celeste chegou o tanto dos alemáns: un disparo inapelable de Leweling.
Co 1-0 chegouse ao descanso. Claudio modificou totalmente o once tras o paso por vestiarios e deulle entrada, entre outros, a Villar, a Mingueza e a Iago. A primeira do segundo tempo, non podía ser doutro xeito, foi para Aspas tras unha recuperación de Pablo Durán. Drljaca meteu a man para evitar o gol celeste. A seguinte foi precisamente para Pablo Durán tras un pase filtrado de Mingueza. De novo a man de Drjlaca frustrou o tanto.
E ao igual que sucedera na primeira metade, cando mellor pintaba o Celta, o Stuttgart volveu poñerse por diante. Starfelt xoga cara atrás e Iván Villar erra no control do balón. Era o minuto 80 do partido. De novo e con moi pouco, o Celta volvía conceder un gol.
Levoulle 40 minutos aos de Claudio dispoñer novamente dunha ocasión clara. Pablo Durán botou fóra un gran pase de Mingueza. Custáballe ao equipo dar coa porta. De feito Stenzel fixo o primeiro para os vigueses no 116 intentando despexar un centro para Durán. Sotelo tivo a última do encontro pero apareceu de novo Drljaca. Ao final 2-1 no marcador. A boa noticia, a reaparición de Iago Aspas e Fran Beltrán.