O Celta bate a súa marca de puntuación como visitante en Primeira
O equipo de Claudio Giráldez suma xa 30 puntos nos 18 partidos que disputou lonxe de Balaídos
O Celta é o terceiro mellor visitante da Liga, con 30 puntos
Co seu triunfo de onte ante o Atlético de Madrid (0-1) no Metropolitano, o Celta bateu a marca de puntuación como visitante do club en Primeira División. O equipo de Claudio Giráldez suma xa 30 puntos nos 18 partidos que disputou lonxe de Balaídos, cun balance de oito triunfos, dous deles de moito prestixio ante Real Madrid e Atlético, seis empates e só catro derrotas.
O Celta, que nestes momentos ocupa praza de Liga Europa, é o terceiro mellor visitante da Liga con 30 puntos, un rexistro que só melloran o Real Madrid (34) e o F. C. Barcelona (37).
O conxunto celeste disputará o vindeiro domingo o seu último encontro ligueiro a domicilio fronte ao Athletic en Santo Mamés. Antes, o vindeiro martes, medirase ao Levante nun duelo fundamental na súa carreira por un billete para unha competición continental.