O Celta B rabuña un empate no campo do Alcorcón
Iker Losada marcou ao pouco de comezar, pero Bustos empatou deseguido
Miguel tivo boas ocasións para marcar o segundo, pero o filial celeste acabou sufrindo
O Celta B sumou o primeiro punto da temporada no difícil campo do Alcorcón. Empate a un final con dous goles temperáns. Para o Celta anotou Iker Losada (29') e catro minutos tardou en empatar Álvaro Bustos para os madrileños.
Moito respecto no primeiro tempo con poucas oportunidades. Na segunda parte non houbo goles pero si ocasións. Para o Celta B as mellores estiveron nas botas de Miguel Rodríguez que fallou dous man a man co porteiro do Alcorcón. Apurou moito o equipo local á procura do triunfo pero entre Coke Carrillo e a falta de acerto non acabaron de marcar.
O coruñés Pedro Mosquera foi expulsado no último minuto por dobre cartón amarelo.