Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Celta empata en Belgrado e remata no TOP 16 da Europa League (1-1)

O Celta empata en Belgrado e remata no TOP 16 da Europa League (1-1)

O rival nos dezaseisavos de final será un vello coñecido: PAOK Salónica ou Lille co partido de volta en Balaídos

Espectacular estrea de Fer López con golazo incluído do xogador celeste

@rccelta @rccelta
G24.gal 29/01/2026 22:35

Empate do Celta en Belgrado no partido que pechaba a fase liga da Europa League. Os vigueses conseguen entrar no TOP 16 e xogarán a volta na casa na eliminatoria de dezaseisavos. Bo partido dos celestes no retorno de Fer López , que anotou un golazo e deixou moi boas sensacións.

Os locais ameazaron desde o inicio a meta de Radu. Bateríano en dúas ocasións pero en ambas, onde marcaba Arnautovic, o VAR tiña que intervir para anulalos por falta previa o primeiro e por fóra de xogo o segundo. Co paso dos minutos o equipo vigués foise facendo con control do partido e tivo dúas boas chegadas nas botas de Borja Iglesias.  Na primeira topou coa intervención de Mateus e na segunda bateu co pau dereito da portería serbia.

Na segunda metade , ao pouco de comezar, o Celta desaproveitou unha incursión por banda dereita de Javi Rueda que cedía a Borja Iglesias que non foi capaz de conectar un bo remate xa co porteiro superado. Cos trocos , incluído a estrea de Fer López cos celestes, o partido entrou nunha fase con poucas chegadas. Pero terían a mellor ocasión de novo o cadro vigués tras unha gran conducción de Fer López que abría a banda a Javi Rueda. O lateral volveu gañar liña de fondo e o seu centro non conectou cun Jutglá que errou na tentativa de remate. Tamén gozaría de unha boa chegada o equipo serbio pero o remate de Radonjic non colleu portería.

E a tres minutos do final aparecería a xenialidade de Fer López. O canteirán inventou un remate de exterior desde a frontal que entrou na portería dos de Belgrado. Faltaban tres minutos pero o Celta non soubo manter a renda. Xa que na seguinte xogada Duarte empataba o choque para o equipo de Stankovic. Non houbo tempo para máis. Empate e Top 16 para o Celta que se medirá en dezaseisavos a PAOK ou Lille, equipos os que xa se enfrontou e gañou nesta primeira fase. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade