O Celta cae nos penaltis en Albacete e di adeus á Copa do Rei (2-2)
Mingueza, Hugo Álvarez e Iago Aspas erraron os seus lanzamentos na quenda definitiva
O equipo manchego forzara o tempo extra na prolongación da segunda metade cun gol de Vallejo
@rccelta
O Celta dixo adeus á Copa do Rei despois de caer na quenda de penaltis ante o Albacete nun partido que os vigueses tiveron no peto ata o minuto 93 e que perderon nunha quenda de penaltis onde non foron quen de marcar ningún.
O equipo olívico saíu con ánimo de dominar o partido. A posesión era dos vigueses pero serían os manchegos os que se adiantarían no marcador. Loren filtrou un pase ás costas de Yoel Lago que foi ben finalizado por Jefté Betancourt tras tirar unha boa diagonal. O gol non sentou ben os vigueses que tiñan moitos problemas para superar a primeira liña de presión dos albaceteños. Mellorou nos minutos finais deste período o equipo vigués pero sen crear ocasións que inquietaran ó meta Lizoain.
No descaso Claudio Giráldez movía equipo dando entrada a Borja Iglesias, Miguel Román e Manu Fernández. E puideron empatar os vigueses pero incomprensiblemente El Abdellaoui mandou fóra un remate a porta baleira. Respondeu o Alba cun disparo ó pau do canteirán Capi. Eran minutos de tolemia. Borja Iglesias vía como lle anulaban un gol por fóra de xogo pero pouco despois chegaría o empate grazas a unha gran cacholada de Yoel Lago á saída dun córner. Seguiría o dominio celeste que voltearía ó marcador despois dun marabilloso movemento dentro de área de Borja Iglesias que superaba ó meta manchego. Restaban quince minutos para o final. E o Celta non soubo defender esa ventaxa. Con Borja Iglesias mancado os vigueses defendían con apuros e no minuto 93 Vallejo igualaba de novo o partido tras un bo centro de Agus Medina. O partido marchaba á prórroga.
Na quenda de penaltis o Celta non foi quen da mercar ningún . Mingueza, Hugo Álvarez e Iago erraron os seus lanzamentos mentres o Albacete anotaba os tres e deixaba os vigueses sen a competición copeira.