OPINIÓN
O castigo por non parar, por María Bastida
A nova reforma do complemento por fillos propón algo que, en apariencia, soa razoable: só o cobrará quen poida acreditar que a súa carreira laboral se viu afectada pola maternidade ou a paternidade. Igualdade formal, criterios obxectivos, neutralidade xurídica. En teoría, todo encaixa.
E aí comeza o problema. A penalización real da maternidade non se concentra nas interrupcións, senón en todo o que sucede cando non hai interrupcións: renunciar a ascensos, frear a progresión salarial, asumir a loxística familiar, dispoñer de menos tempo, cargar coa organización mental da vida doméstica, soster as dobres xornadas que ninguén ve. Esa penalización silenciosa é a máis frecuente, a máis estudada e a máis invisible. Invisible porque non deixa rastro na vida laboral. Invisible porque non leva certificado. Invisible porque non se pode demostrar cun documento da Seguridade Social. E, por tanto, invisible para a reforma.
O resultado é grotesco. Se paraches 90 días, entras. Se non paraches porque te esforzaches o triple, quedas fóra.
A reforma converte a ruptura en mérito e a continuidade en castigo. Premia o bache administrativamente visible e ignora o desgaste continuo que sofren a maioría das mulleres. É o paradoxo perfecto, canto máis loitaches por manter a túa carreira a flote malia a maternidade, menos recoñecemento recibes. Se non hai proba obxectiva, o sistema decide que non hai penalización. Europa pediu igualdade, e España responde cun formulario que mide tres recadros e declara irrelevante todo o que non cabe nelas. Igualdade formal, desigualdade material.
O complemento naceu para corrixir inxustizas. Hoxe corre o risco de institucionalizalas: un premio a interromper a carreira, non a sostela; unha reforma pensada para tranquilizar tribunais, non para compensar desigualdades reais. E a mensaxe final é demoledora: “Se a maternidade te freou sen romperte, non temos nada para ti". E iso, diga o que diga o BOE, é profundamente inxusto.