Publicador de contidos
Publicador de contidos

O capitán do Karar di que o tripulante galego era o que sabía as coordenadas para deixar a cocaína

O capitán do Karar di que o tripulante galego era o que sabía as coordenadas para deixar a cocaína

Os tripulantes sinalan como xefe un nepalí que non está procesado

G24.gal 22/04/2024 16:25 Última actualización 22/04/2024 17:53

O capitán do MV Karar, Alim Ullah, de Bangladesh, recoñeceu este luns que sabía que o barco levaba un cargamento de cocaína e que, tras partir de Panamá, o buque recolleu a droga fronte ás costas de Colombia, antes de tomar rumbo a Vigo.

Así o manifestou na súa declaración ante a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, onde se retomou o xuízo contra os 28 acusados polo alixo de 3,8 toneladas de cocaína transportados en abril de 2020, en plena pandemia.

O capitán do barco detallou que o encargado de supervisar a carga e contar os fardos era o único español a bordo, o galego José Manuel B. G.

Segundo relatou, a previsión era alixar a cocaína a unhas 350 millas de Vigo, e sinalou que, na ponte de mando, había unha carta náutica cunhas coordenadas anotadas a lapis polo tripulante galego, suposto punto de descarga da droga, aínda que matizou que el non o viu facendo estas anotacións.

"Isto non é un espectáculo"

Ao preguntarlle sobre as contradicións con respecto á súa declaración na fase de instrución, o capitán proclamou que o único que quere é saír de prisión e deixar atrás este episodio.

Esta resposta suscitou a reacción dos acusados galegos, que comezaron a botar gargalladas e a facer espaventos. Ante isto, a presidenta da sala reprobou o seu comportamento e lembrou aos procesados que este xuízo "non é un espectáculo", á vez que lles advertiu de que serían expulsados se non gardaban "a debida compostura".

Os tripulantes sinalan como xefe un nepalí que non está procesado

Os tripulantes do buque MV Karar sinalaron un nepalí, que se move entre Colombia e Panamá e que non está procesado, como o responsable de darlles instrucións sobre o traslado da droga cara a Vigo.

Lama saíu a relucir nas primeiras declaracións que se escoitaron na vista que se segue na Cidade da Xustiza de Vigo, sede da sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

O seu nome, segundo aseguran fontes xudiciais, non aparece expresamente no sumario, aínda que si hai referencias a el.

Algúns tripulantes responsabilizárono de dirixir unha primeira reunión no Karar co capitán do buque, Alim U., e o galego José Manuel B. G., quen despois foi o encargado de contar os fardos que subiron á embarcación.

Nese encontro, Lama facilitaría coordenadas de onde ía ser cargado o buque fronte á costa de Colombia e, posteriormente, encargouse de trasladar por teléfono satelital a un membro da tripulación o lugar onde se produciría a descarga.

A instrución que tiña o responsable do navío era levar o material a Vigo, deixar a droga a 350 millas da cidade galega, entre o 22 e 23 de abril de 2020, e posteriormente dirixirse a porto.

O segundo oficial, Kiran T., mostrouse "arrepentido" e dixo que por iso agora, catro anos despois, recoñecía os feitos, polos que pediu "perdón".

Respondeu en castelán a algunhas preguntas e con tradución a outras e referiu que antes de que o barco partise el levaba case un ano contratado para o Karar por Lama, que inicialmente non sabía que era para transportar droga e que descubriu esa finalidade cando embarcaron os demais traballadores e José Manuel B.G.

Ademais, sinalou que se comunicaba con Lama a través do teléfono satelital e que foi este o que deixou apuntadas as coordenadas do lugar no que ía ser descargada a droga e quen tamén lle avisou de que chegaban as lanchas -tres, cada unha con tres persoas- para cargar a cocaína ao buque e que puxese a canle 71 de radio para comunicarse con elas. Tamén dixo que "todo o mundo" no barco axudou a cargar os fardos.

Un soldo de 3.000 euros ao mes por guiar o buque

Outro procesado, o encargado de guiar o barco, afirmou descoñecer como se cargou a droga porque estaba na súa cabina, admitiu que o destino era Vigo e que tiña un contrato de 3.200 dólares ao mes, uns 3.000 euros.

A continuación declararon un mecánico, un enxeñeiro que traballaba na sala de máquinas, quen dixo que a droga se gardou nun tanque do MV Karar nun lapso de dúas horas, e outro tripulante, Mahfuzul H., que sinalou en castelán que a carga no buque se efectuou de noite e que o galego que ía na embarcación anotaba os fardos que ían introducindo no barco co guindastre da propia embarcación, que a manexaba Kiran T.

Mahfuzul, electricista, asegurou que cando saíu de Bangladesh para unirse á tripulación non sabía que ían transportar droga, pero, despois, si o soubo.

Por outra banda, a xuíza admitiu a documental achegada polo fiscal o pasado venres -imaxes dunha das naves rexistradas e do buque coa cocaína a bordo xa en porto-, a pesar da oposición da defensa de Santórum e as doutros procesados. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade