O Camiño de Santiago, a piques de bater a marca de compostelas do Xacobeo 2010
O Camiño Portugués segue sendo o que máis medra
Esta ponte festiva foi outro éxito de peregrinacións con máis de 7.000 camiñantes só na fin de semana, nun ano que espera bater as compostelas que se acadaron no pasado Xacobeo. Coas rexistradas no mes de agosto, quedan só unhas 30.000 para chegar ás máis de 272.000 entregadas en 2010.
"Fixemos o Camiño Francés e tivemos moita sorte co tempo ata hoxe, pero un Camiño sen chuvia non é Camiño", contan dúas mulleres que peregrinan con nenos.
"Fixemos parte do Camiño Portugués desde Pontevedra e agora imos seguir a Muxía e Fisterra", contan outros dous peregrinos.
"Levamos desde Semana Santa con moi boas reservas, continuamente case cheos", explica Belén Vázquez, do Albergue da Meiga en Padrón.
"Este ano hai moita xente e todos os días durante xullo e agosto estamos tendo que rexeitar entre 4o e 50 reservas por falta de espazo", asegura Raúl Magariños, do albergue Murgadán, tamén en Padrón.