O camiño cara a unha vida sen alcohol, no Grupo 24 Horas de Alcohólicos Anónimos da Coruña
Como un descenso ao inferno. É como describe o alcoholismo quen un día chegou ao Grupo 24 Horas de Alcohólicos Anónimos, onde as portas sempre están abertas. Tim, o máis veterano do grupo, explica por que se denomina Grupo 24 horas: "Chamámoslle así porque un alcohólico que está a beber pode decidir en calquera momento: Eu xa non podo máis".
A decisión de entrar ou non é voluntaria. Non falan de adicción, si dun problema de saúde que se traballa en terapia de grupo entre iguais desde a empatía. "Se eu escoito un enfermo alcohólico falar da realidade do que é o alcohol, as borracheiras, as resacas, os problemas na casa, etc., redúcese moito ese interese en beber, o que chamamos obsesión por beber", asegura Tim.
Agora están de celebración. Cumpren 19 anos na Coruña. Celebran tamén os anos sen alcohol de cada un dos membros do grupo. Sara leva dez anos sen probar o alcohol e aclara que unha das razóns polas que quedou foi: "Porque me comprenderon e me axudaron ata a buscar traballo".
Cun ano sen consumo de alcohol, Alfonso destaca: "Aquí non hai médicos, nin nada diso. É un trato de enfermo alcohólico a enfermo alcohólico, e paga a pena porque a min estame funcionando", engade.
Porque, din, sempre se está a tempo de mudar o camiño e mirar cara arriba, cara a unha nova vida.