O Burela, obrigado a gañar en Madrid para facerse coa Liga
O empate na ida fai que ao Futsi lle chegue con outra igualada por mellor clasificación na fase regular do campionato
O partido verase en directo pola G2 e G24 (sábado, 18:30 horas)
Están a un partido de conquistar a Liga pero teñen que gañar fóra da casa. Nada que o Burela non fixera antes. A final polo título resólvese en Navalcarnero logo de que o partido da ida en Vistalegre acabara en empate.
Plena confianza a pesar de que fallaron na súa pista, desaproveitaron o primeiro tempo, e no segundo, despois de poñerse por diante en dúas ocasións, cos goles de Peque e Ale de Paz, dilapidaron senllas vantaxes en poucos segundos e con erros grosos.
As da Mariña ostentan o título honorífico de mellor equipo do mundo por segundo ano consecutivo. O sábado queren a súa quinta liga, que sería a terceira seguida, para prolongar o seu reinado.