O Breogán supera o Baskonia nun gran partido con sufrimento final (88-82)
Espectacular primeiro tempo dos de Casimiro no que chegaron a gañar por 34 puntos de diferenza
O Río Breogán conseguiu a vitoria contra o Baskonia no Pazo nun partido que se lle complicou máis do esperado aos locais no último cuarto. Os lucenses parecían encarrilar o encontro cun primeiro cuarto espectacular no que anotaron 34 puntos e conseguiron un 8/10 en triplas. No segundo cuarto, o equipo galego levantou un pouco o pé do acelerador pero conseguiu marchar ao descanso cun contundente 54-37 no marcador. O Baskonia, que chegou a estar 34 puntos por abaixo, conseguiría reducir a desvantaxe pero sen deixar sinais de poder pelexar polo partido. Nakic, con 14 puntos e 4/4 en triplas, e Grant, con 13 puntos, foron os máis destacados dos de Lugo ao chegar ao tempo de lecer.
Á volta do descanso, o Breogán conseguiu defenderse ben e de forma enérxica e cun gran Hilliard no comezo do terceiro cuarto. Con todo, os de Vitoria comezaron a meterse no partido, mellorar o seu xogo e cunha tripla sobre a bucina de Luwawu-Cabarrot conseguiron marchar ao derradeiro cuarto cun 74-57 no electrónico.
No último cuarto, uns grandes Marcus Howard e Luwawu-Cabarrot fixeron soñar ao Baskonia coa remontada. As triplas do primeiro acurtaron a diferenza cos lucenses ata os 10 puntos a 2 minutos para o final, pero non a arroutada dos de Vitoria non foi suficiente para paliar a gran diferenza de puntos conseguida polos galegos nos primeiros cuartos. O marcador final foi de 88-82 a favor do Breogán e Toni Nakic rematou como o máximo anotador do encontro e permítelle ao conxunto lucense mirar cara a arriba na clasificación.