O Breogán "presionará" para ampliar o Pazo e acabar coa lista de agarda de socios
O club ten 235 afeccionados agardando por sacar un carné para a vindeira temporada
O director xeral, Salva Arco, avalía o intre que vive o club: "Estamos no mellor momento do breoganismo"
O director xeral do Breogán, Salva Arco, sacou peito polo momento que vive o Breogán, tanto institucional como deportivo. No eido institucional fala de cifras récord de abonados. "Temos 235 persoas en lista de agarda para facerse socios". Recoñece Arco que vai presionar "para saber cantos asentos máis podemos ter nunha ampliación do Pazo". O dirixente quere que o estudo se complete canto antes, pero tamén considera fundamental que, no caso de chegaren a un acordo para a ampliación, iso non supoña molestias para os socios durante esta campaña.
Arco tamén falou do momento deportivo, cun cadro de xogadores que considera "moi ilusionante". "Estar cinco temporadas consecutivas na ACB cun dos orzamentos máis baixos da categoría ten moito mérito", asegurou Salva Arco diante dos medios de comunicación.