O Baxi terá que remontar once puntos en Xirona para seguir na competición
O equipo ferrolán perdeu 60-71 na ida dos cuartos de final do play off polo título na Malata
O Baxi Ferrol terá que remontar once puntos no partido de volta que se vai xogar o vindeiro día 27 de abril en Xirona. O líder da Liga Feminina levou o triunfo da Malata por 60-71 na ida dos cuartos de final do play off polo título.
O encontro comezou do peor xeito, cun parcial de 0-9 para o Xirona que mandaba no primeiro cuarto por un contundente 10-25. A desvantaxe chegou a ser de dezanove puntos (21-40) pero o Baxi nunca deu o brazo a torcer e comezou a afinar no xogo de ataque grazas ao acerto de Blanca Millán. Ao descanso o resultado era de 33-47.
No terceiro cuarto o cadro ferrolán conseguiu poñerse a seis puntos (43-49) pero recibiu un parcial de 0-8 que lle volveu a dar unha boa vantaxe ao líder da Liga. No último cuarto volveu o Baxi a esa desvantaxe de seis puntos (56-62) e dúas posesións para baixala. Faltou acerto nese intre decisivo e o Xirona non perdoou con outro parcial de 0-9. Ao final o marcador foi de 60-71. Conscientes de que puido ser o último partido da temporada o público da Malata despediu o equipo cunha grande ovación.