O Balonmán Cangas acada a primeira vitoria da temporada contra o Bada Huesca (32-27)
O Gatañal foi testemuña da superioridade do equipo local, que sae dos últimos postos da táboa
Houbo que agardar ata a terceira xornada da Liga Asobal para ver a primeira vitoria do Frigoríficos do Morrazo. Chegou na casa, no Gatañal, diante do Bada Huesca.
O Cangas foi superior. Desde as primeiras accións, estivo máis atinado co rival, acadando xa a primeira vantaxe (2-0), e indo sempre por diante no marcador. Os de Quique Domínguez chegaron a dobrar ao Bada (12-6) na primeira metade, que rematou cunha cómoda vantaxe (19-14).
Na continuación os cangueses limitáronse a manterse por diante, aínda que os oscenses chegaron a poñerse a tres goles no marcador. O 32-27 final chegou coas achegas de Santi López, con sete tantos. Manuel Pérez e Arnau Fernández anotaron 6, e Nicolo D'Antino marcou 5.