Publicador de contidos

Publicador de contidos

O avión da Segunda Guerra Mundial que caeu en Calvos de Randín

O avión da Segunda Guerra Mundial que caeu en Calvos de Randín

Fai 81 anos do sinistro aéreo que sorprendeu toda a Limia

Os veciños das aldeas máis próximas axudaron a rescatar os mortos e aproveitaron os restos do avión, que aínda se poden ver nalgunha porta

Celso Ferreira, que tiña cinco anos cando ocorreu o accidente, amosa os restos de avión nunha porta da aldea de Vilar
G24.gal 21/02/2025 14:32

Aconteceu hai 81 anos, pero é difícil de esquecer. Falamos dun accidente aéreo ocorrido en Calvos de Randín. Un avión militar británico da Segunda Guerra Mundial esnafrouse contra un monte. Saíra de Xibraltar, xunto a outra ducia de avións, cargado de artillería. Debía participar no desembarco de Normandía, pero acabou esnaquizado nestes montes.

"Onde está o marco da fronteira, alí mesmo petou", afirma Celso Ferreira, un dos poucos veciños de Vilar que viviu o sinistro.

Tiña só 5 anos, pero lembra como se viviu aquela noite do 22 de febreiro de 1944. "Houbo unha explosión moi grande. A xente aínda pensaba que eran os portugueses e asustouse moito. Ata deron dúas a luz esa noite".

"Os gardas non os deixaban achegar ao material do avión porque había munición", comenta Jesusa Vázquez, veciña de Vilar.

Faleceron os seis ocupantes do avión: "Reuniuse a xente da parroquia e trouxéronnos ás costas por un camiño que nin as cabras. Diso aínda teño luces, de ver os defuntos", explica Ferreira. 

De orixe británica e canadense, foron enterrados no cemiterio de Randín ata a súa repatriación. "Hai poucos anos viñeron os familiares dos falecidos para ver se quedaba algún vestixio", di Ferreira. "Aquí aínda houbo quen trouxo latas do avión", engade Vilar. 

Restos da fuselaxe que oito décadas despois segue a reforzar portas, testemuña dunha historia que resiste á ferruxe do tempo: "Foi algo moi impactante, nunha aldea tan pequeniña, e recordarase durante toda a vida". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade