O aumento do nivel de risco en Galicia podería implicar novas medidas para o Nadal
O comité clínico reunirase a principios de semana
Comesaña: "a situación dos hospitais está en parámetros razoables"
Os 35 expertos do comité clínico que non se reunen desde outubro volverán xuntarse a principios da próxima semana, previsiblemente o luns ou o martes, para establecer recomendacións ou medidas específicas de cara ao Nadal.
Este venres houbo unha reunión ordinaria dos sete integrantes do subcomité clínico que reiteraron a súa preocupación pola evolución da pandemia en Galicia.
Os datos cos efectos da ponte da Constitución, que se coñecerán a semana que ven, determinarán o nivel de restricións que se impoñan para as festas. Pero o conselleiro de Sanidade xa apuntaba, antes de coñecerse o dato, que a suba de nivel a risco moi alto sería determinante para endurecelas.
"Intentar ser un pouco prudentes porque estamos aí a piques de pasar dun nivel de contaxios que nos levaría seguramente a tomar medidas, aínda que en xeral cremos que se as cousas se manteñen como agora non sería necesario", aseguraba García Comesaña
Aínda que a incidencia xa non é o único dos factores máis importantes. Tense moi en conta a presión hospitalaria que, agás na área sanitaria de Vigo, de momento non se considera preocupante e incluso diminúe a medida que avanza a administración da terceira dose da vacina.
"A situación dos hospitais segue estando en parámetros razoables aínda que nunca se pode ser razoable ter doentes ingresados na UCI ou na planta", apuntaba o conselleiro
O que si baralla a Xunta é o certificado covid para os nenos de 5 a 11 anos. Pero non sería unha medida inmediata. Implantaríase unha vez que se acade un nivel de vacinación salientable nesta franxa de idade.