Publicador de contidos

Publicador de contidos

O aumento do caudal dos ríos eleva o risco de inundacións en varias zonas de Galicia

O aumento do caudal dos ríos eleva o risco de inundacións en varias zonas de Galicia

A Xunta activa o plan Inungal ante o posible desbordamento do río Lérez en Pontevedra e do río Mera en Ortigueira

En Sada desbordouse a lagoa de Mera no momento da marea alta, ao subir o nivel pola cantidade de auga que levaban os ríos que chegan a ela

G24.gal 25/02/2025 09:54

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior activou nas últimas horas o Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal), ante o posible desbordamento do río Lérez, ao seu paso por Pontevedra, e do río Mera, en Ortigueira.

Así, a información recibida a través dos sistemas de seguimento puxo de manifesto un crecemento significativo do caudal, o que pode dar lugar a enchentes puntuais no seu curso.

Tamén en Sada, o concello activou un dispositivo especial ante o risco de desbordamento da lagoa de Mera, ao que chegan varios ríos e que nos momentos de marea alta a auga entrou en garaxes e baixos comerciais. De cara as próximas horas, en que se agarda menos chuvia, as autoridades están en preaviso.

Desde o servizo de emerxencias 112 Galicia volvéronse lembrar as recomendacións para estes casos: non realizar actividades nestes espazos fluviais, non cruzar zonas asolagadas, abandonar os vehículos e buscar zonas altas se a auga nos alcanza ou buscar zonas elevadas en caso de inundación en vivenda.

Este luns rexistrouse choiva abundante na zona noroeste da provincia da Coruña, onde se activou a alerta laranxa por precipitacións.

Así, segundo os rexistros de Meteogalicia, na estación de medición de Muralla, en Lousame, chegaron a acumularse 144,5 litros por metro cadrado; e en Coto Muíño, en Zas, máis de 99 litros por metro cadrado.

Igualmente, rexistráronse precipitacións abundante nas estacións de Fontecada, en Santa Comba (96,8 litros/metro cadrado); en Xesteiras-Cuntis (96,5 litros/metro cadrado, e O Fieitoso-Rianxo (86,5 litros/metro cadrado).

Este martes mantense o aviso de nivel amarelo por ondada no litoral noroeste da Coruña, na Costa da Morte e nas Rías Baixas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade