Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Arenteiro derrota ao Cacereño (0-2) e colle ritmo guiado por Mingo

O Arenteiro derrota ao Cacereño (0-2) e colle ritmo guiado por Mingo

O dianteiro marcou nas tres xornadas, abrindo o camiño da segunda vitoria consecutiva

Na segunda metade asistiu a Diego Moreno para que fixera o segundo

Foto: @CD_Arenteiro
G24.gal 14/09/2025 18:11

O Arenteiro acadou a segunda vitoria consecutiva, que o sitúa no grupo de cabeza. E fíxoo cun novo gol de Mingo, que anotou nas tres xornadas, e outro de Diego Moreno para derrotar ao Cacereño, un acabado de ascender.

Saiu mellor o conxunto extremeño, que está a disputar os seus partidos como local en Almendralejo polas obras no Príncipe Felipe, pero a primeira ocasión foi galega, e levou a signatura de Richarte. Despois si creou perigo o Cacereño, nun balón en profundidade que superou a Diego García, pero que acabou sacando a defensa sobre a liña. A acción máis perigosa desta primeira metade foi anulada por fóra de xogo.

Non inquedou o Cacereño, máis aló dalgún lanzamento lonxano desviado. O Arenteiro tiraba de oficio e, no último minuto da primeira metade, cazaba o gol que o colocaba por diante. Foi nun balón longo e Mingo, gran goleador neste inicio de temporada, marcaba cun axustado remate á cepa do poste.

Na segunda metade, o Cacereño foise estirando aos poucos. Un balón en profundidade para Iván Fernández puxo a proba os reflexos de Diego e, pouco despois, tiraba raso Carlos González e volvía deter o porteiro.

E, cando parecía que máis medraba o Cacereño no partido, o porteiro galego iniciaba unha xogada, Mingo vestía desta volta o traxe de asistente, e Diego Moreno definía cun remate raso ao primeiro pau para establecer o 0 a 2. Máxima efectividade do Arenteiro no partido. So lle quedaba pechar o partido aos galegos, que aínda tiveron outra ocasión clara no minuto 88, que rexeitou Diego Nieves para evitar o terceiro. Quedou nunha anécdota. Chegou a segunda vitoria consecutiva para o Arenteiro, que segue a coller ritmo na competición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade