Publicador de contidos

Publicador de contidos

O alcalde de Pontevedra confía en pactar co PSOE os orzamentos locais de 2026

O alcalde de Pontevedra confía en pactar co PSOE os orzamentos locais de 2026

Miguel Anxo Fernández Lores sinala que as conversas BNG-PSOE marchan "ben" para repetir o acordo orzamentario

Cualifica de "vergonza" o bloqueo do traspaso a Galicia da AP-9, que ve "máis que amortizada"

Pide executar a circunvalación leste da cidade co enlace da A-57 co Confurco

Arquivo TVG
G24.gal 12/11/2025 10:35

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, confía en pechar co PSOE un acordo para sacar adiante os Orzamentos municipais de 2026. Sobre as conversas entre o BNG e o PSOE afirmou que marchan "ben"e di que as dúas formacións "estamos traballando".

Así o manifestou nunha entrevista no 'Galicia por diante' da Radio Galega, en que sinalou que "unha vez que coñecemos cales son as posibilidades que hai de ingresos, de onde veñen, e, polo tanto, manter os servizos, sen incrementar as taxas municipais".

Neste senso, explica que "cando estamos a falar de levar doce anos sen actualizar as taxas, estamos a falar de rebaixar a capacidade impositiva do concello. Rebaixala radicalmente. Desde o ano 2012 non actualizamos as taxas e houbo un incremento do IPC máis ou menos dun 28-30 %. Se non se aplica ningunha subida, estamos rebaixando a presión impositiva dos veciños de Pontevedra". Lores indica que "a partir de aí, negociaremos co Partido Socialista, que é o noso socio prioritario de goberno".

Infraestruturas

O alcalde de Pontevedra analizou a situación das principais infraestruturas que pasan pola cidade. Miguel Anxo Fernández Lores cualifica de "vergonza" a situación da AP-9.

Considera que "levamos 40 anos pagando unha autoestrada que debería estar amortizada e, en base a acordos do Estado coa concesionaria da Autoestrada do Atlántico, seguimos pagando a peaxe. Polo tanto, temos que traspasar esa AP-9 a Galicia, facela libre de peaxe e ter os mesmos dereitos que teñen todos os cidadáns do Estado español. Recupéranse as radiais de Madrid, levántanse peaxes en case todas as autoestradas e nós estamos pagando unha autoestrada que temos máis que amortizada durante os últimos anos".

Así mesmo, pide que se remate a circunvalación leste da cidade, despois dunha última proposta do PSOE de executar o enlace da A-57 co Confurco. Fernández Lores afirma que "Pontevedra necesita unha circunvalación polo leste da cidade, que resolva problemas de conexións dos polígonos industriais, con Barro [...], con Portugal".

O rexedor de Pontevedra di: "Necesitamos unha conexión libre de peaxe polo leste da cidade. Somos a única cidade do Estado español que non ten unha circunvalación libre de peaxe e, a partir de aí, sexa cal sexa a Administración central, do Partido Socialista ou do PP, atrásanse todas as infraestruturas que son necesarias e imprescindibles. Necesitamos unha conexión polo leste da cidade e que se rematen as infraestruturas que están previstas desde hai máis de 20 anos. Defenderemos os intereses de Pontevedra presente quen presente as mocións correspondentes".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade