A Xunta e o Concello de Pontevedra renovan a colaboración entre administracións
O Goberno galego inviste 2 millóns de euros nun novo pavillón deportivo e un millón máis para a rede de saneamento
Rueda e Lores destacan a cooperación entre administracións por riba de cores políticas
A Xunta e o Concello de Pontevedra renovan a colaboración para seguir mellorando a cidade. O Goberno galego vai investir 2 millóns de euros nun novo pavillón deportivo e un millón máis para a rede de saneamento.
Alfonso Rueda e Miguel Anxo Fernández Lores tamén traballan para que a o campionato de tríatlon que vai acoller a cidade sexa un dos actos do Xacobeo, cando o Goberno central desbloquee os beneficios fiscais para os patrocinadores do próximo Ano Santo.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegura que "sempre que se fala se chega a acordos e nós somos un concello que quere ter relacións excelentes con todas as administracións para que Pontevedra siga avanzando".
No mesmo sentido se pronunciou o presidente da Xunta. Alfonso Rueda asegura que "falando e vendo cales son as prioridades as administracións podemos colaborar con independencia de cores políticas".
Rueda destacou outras iniciativas a prol de Pontevedra nas que traballa o goberno galego. Entre elas puxo en valor a construción de vivenda protexida; o traslado das instalacións autonómicas situadas na Xunqueira da Gándara para liberar as zonas para o uso dos cidadáns; o Novo Montecelo; o Pazo de Lourizán, o Centro de Alto Rendemento Deportivo e a dragaxe do Lérez.