Publicador de contidos

Publicador de contidos

O agro anuncia mobilizacións en toda España afogado polos custos de produción

O agro anuncia mobilizacións en toda España afogado polos custos de produción

Agricultores e gandeiros iniciarán as protestas en decembro e avanzan que algunhas coincidirán co paro no sector do transporte

O sector mobilizouse en 2020 baixo o lema "Agricultores ao límite"
G24.gal 18/11/2021 10:55

As organizacións agrarias ASAJA, COAG e UPA lanzaron este xoves a campaña #SOSrural e anunciaron novas mobilizacións en decembro ante os problemas que atravesa o campo, como o aumento dos custos de produción e a falta de rendibilidade agraria, que, aseguran, están "poñendo en perigo a supervivencia dos agricultores e gandeiros e do propio medio rural tal e como o coñecemos".

Os agricultores e gandeiros concretarán proximamente as datas das protestas, pero xa adiantaron que algunhas delas van coincidir co paro dos transportistas, previsto do 20 ao 22 de decembro, “con quen comparten algunhas das reivindicacións”, afirman.

As protestas vanse celebrar en distintos puntos do territorio español e non se descarta unha gran manifestación en Madrid co obxectivo de denunciar que a supervivencia dos produtores e do medio rural español está en perigo "por unha confluencia de motivos", din as organizacións nun comunicado conxunto.

ASAJA, COAG e UPA destacan que os custos de produción se dispararon a niveis "nunca vistos", despois de que a enerxía eléctrica se encarecese un 270 % no último ano e o gasóleo que usan os tractores un 73 %.

Ademais, os prezos dos pensos para o gando subiron un 30 %; os fertilizantes, un 48 %; os plásticos para invernadoiros, un 46 %; a auga, un 33 %, e as sementes, un 20 %, segundo aseguran os produtores.

As organizacións tamén denuncian que os consumidores están a pagar máis caros os alimentos mentres que no campo seguen sen cubrir os seus custos, polo que reclaman "unha repartición máis xusta do valor dos alimentos na cadea alimentaria".

Solicitan unha reunión urxente co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación Luís Planas e un apoio "firme" das administracións en todos os niveis, coa posta en marcha dun plan que "salve" o sector primario e a articulación de medidas fiscais, económicas e políticas que protexan a produción de alimentos.

A convocatoria realízase despois de que a principios de 2020 os agricultores e gandeiros saísen ás rúas de todo o país pedindo prezos dignos, nunhas protestas que se paralizaron semanas máis tarde pola pandemia. 

 

Tractorada en Lugo dos produtores lácteos Tractorada en Lugo dos produtores lácteos

Protestas en Galicia

O sector do agro galego, especialmente os produtores lácteos, xa leva semanas de mobilizacións por causa do incremento dos custos de produción, que non se trasladan aos prezos que cobran.

A comezos deste mes os tractores saíron á rúa, de novo en Lugo, para esixir un prezo digno do leite. Advertían os gandeiros que se non sobe terían que pechar moitas explotacións e esixían que o prezo mínimo se establecese en cando menos 40 céntimos.

As protestas repetíronse en días sucesivos, con mobilizacións en Vilalba ou en Outeiro de Rei, ante as instalacións que LARSA ten nesta vila.

Organizacións agrarias de ámbito galego sopesan mesmo realizar unha folga de entregas de carne e leite á industria como medida de presión e para que a sociedade visualice a importancia do seu traballo e a magnitude dos seus problemas.

"Cando a ti che chega á porta o problema, tes que saír a facerlle fronte", asegura Pedro Rodríguez de Agromacen.

Este xoves, o xerente de AGACA, Asociación Galega de Cooperativas Alimentarias, reclamaba de novo nunha entrevista na radio Galega que se trasladasen aos prezos finais o aumento deses custos de produción. Hixinio Mougán advertía que moitas explotacións están condenadas a "unha morte lenta" na actual situación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade