O Adif restablece o tráfico ferroviario entre Lugo e Monforte de Lemos
Os traballos de substitución de vías e travesas que ían durar catro meses ao final prolongáronse ata os seis por problemas de subministración de material e a folga do transporte

O tráfico ferroviario entre Monforte de Lemos e Lugo quedou restablecido nas últimas horas, despois de permanecer interrompido desde o pasado 10 de xaneiro por mor das obras de mellora que o Adif está a executar nese corredor e que obrigaron a RENFE a establecer plans alternativos de transporte por estrada para os viaxeiros dos servizos afectados.
O servizo ferroviario entre ambas as cidades (que son os dous núcleos de poboación con máis habitantes da provincia de Lugo) quedou restablecido este mércores ás 17:40 horas, unha vez que se deron por finalizadas as obras e as oportunas comprobacións.
Os traballos pendentes no corredor ferroviario serán executados a partir de agora polas noites, precisamente naqueles horarios en que non hai circulación de trens, para non afectar de ningún xeito o servizo nin os seus usuarios.
O Adif estivo realizando durante os últimos meses actuacións de mellora na infraestrutura do tramo (obras de drenaxe, pasos superiores, noiros de trincheiras e túneles) e na vía, para permitir a electrificación do trazado entre Monforte de Lemos e Lugo, de 75 quilómetros.