Declarado inocente de nove delitos sexuais o actor Kevin Spacey
O actor tamén foi absolto de cargos nos Estados unidos
O actor estadounidense Kevin Spacey afirmou que ten "moito que procesar" e agradeceu o seu labor ao seu equipo legal e ao xurado tras ser declarado inocente de nove delitos sexuais contra catro homes este mércores nun tribunal londiniense.
"Estou enormemente agradecido ao xurado por tomar o tempo de examinar as probas e os feitos coidadosamente antes de chegar á súa decisión", manifestou o actor ás portas do xulgado.
O veredicto chegou despois de 12 horas e 26 minutos de deliberación.
A estrela da serie House of Cards foi absolto de sete cargos de agresión sexual, un de obrigar unha persoa a participar en actividades sexuais sen previo consentimento e outro de forzar alguén a participar en sexo con penetración sen consentimento.
Durante o proceso, os denunciantes cualificárono de "acosador sexual" e de persoa "sibilina, manipuladora e difícil", "confundido sobre a súa sexualidade", e revelaron ocasións en que presuntamente os sobou sen permiso.
Os avogados do intérprete, que tamén foi absolto de cargos nos Estados Unidos, aduciron que non é un delito "ser promiscuo" e querer pasalo ben con homes máis novos.
O propio Spacey describiuse a si mesmo ao testificar como "un gran ligón".