Guindan os mobles pola fiestra desde un segundo nunha reforma dun piso en Lugo
Os veciños cuestionan o xeito en que se fixo a mudanza e alertan de que puido ter consecuencias graves para os viandantes
A rúa Pintor Villamil, do barrio da Milagrosa en Lugo, está hoxe despexada, pero aproveitando unha xornada festiva persoas descoñecidas chimparon mobles pola fiestra. Explica Fernando Toubes, voceiro da Plataforma SOS Milagrosa que "o obxectivo era baleirar o piso e atoparon o xeito máis directo, que é pola ventá e botaron sofás, mobles".
Os autores xa están identificados, pero os veciños non deixan de cuestionarse o xeito en que se fixo a mudanza. Considera un residente da zona que é "bastante incívico", mentres que outra veciña cualifica a situación de "perigosa porque pode pasar xente".
Botan de menos máis vixilancia no barrio. Un veciños apunta que "aquí todo vale", mentres que outros manteñen que "a policía non pode estar todo o día nun mesmo sitio".
Confórmanse con que se tomen medidas para que unha mudanza semellante non se volva repetir.