Nova xuntanza entre os letrados de Xustiza e o Ministerio para intentar desconvocar a folga
Será este luns cando manteñan unha terceira reunión para continuar coas negociacións
A folga indefinida comezaba hai un mes e ten paralizada a actividade de xulgados e tribunais de toda España
Os letrados piden que se lles "recoñezan estatutariamente e nas retribucións" todas as funcións que foron asumindo desde o ano 2009
Aínda que as posturas seguen a estar "moi afastadas" entre os letrados da Administración de Xustiza e o Ministerio, este luns manterán unha nova reunión para continuar coas negociacións. Os letrados aseguran que as súas demandas son "claras" e "xustas".
"O que queremos é que se nos recoñeza estatutariamente tamén nas nosas retribucións todo un conxunto de funcións que vimos asumindo desde o ano 2009 e aumentadas ao longo dos anos incluso no 2015, que foi un aumento substancial e que non se recoñeceu en ningún momento", di Juan José Yáñez, letrado xudicial, membro da Unión Progresista de Letrados e membro da comisión negociadora do comité de folga.
A folga indefinida dos letrados de Xustiza, antigamente denominados secretarios xudiciais, comezaba hai xa un mes e ten paralizada a actividade de xulgados e tribunais de toda España.
Coa última reunión mantida o venres pasado non houbo acordo pero, segundo os letrados, abriu un diálogo "máis produtivo". Aínda así, polo momento consideran "insuficiente" a proposta do Ministerio de Xustiza.
"Desde o Ministerio de Xustiza intentaron deslixitimar as nosas pretensións, o que é un pouco paradoxal porque hai un ano non dicían iso, en abril do ano 2022 estaban de acordo cando firmamos un primeiro acordo, unha solución a este conflito, que non se levou a cabo e que é a causa inmediata da actual folga", engade Juan José Yáñez.
Na xuntanza do venres pasado chegábase a un acordo para aumentar os servizos mínimos. Na reunión do luns esperan poder avanzar nas negociacións.
"O mellor sería evidentemente ter xa o acordo o luns, é unha materia complicada pero boa vontade pola nosa parte haberá", asegura.
Aínda así os letrados de Xustiza amósanse escépticos de que da nova reunión saia un acordo definitivo que permita desconvocar a folga, cren que as negociacións se prolongarán.
