Noa, tras caerlle un piñeiro enriba do coche: "Foi un milagre saír viva"
A árbore de tres toneladas esmagou o vehículo da moza, de vinte anos, que só sufriu feridas leves
O accidente ocorreu o pasado mércores, 11 de febreiro, nunha estrada provincial de Caldas de Reis
Foi unha das escenas máis arrepiantes que deixou o temporal esta semana. Un piñeiro de máis de tres toneladas caeu sobre un coche que circulaba pola EP-8008 á altura da parroquia de San Andrés de César, no concello de Caldas de Reis.
Ao volante ía Noa, unha moza de 20 anos que volvía do instituto. O único que lembra é o momento no que a árbore se lle viña enriba.
"A partir de aí, só lembro estar na ambulancia, pero non sabía que facía alí (...) Logo contáronme que estaba esperta, que me deu un ataque de ansiedade e tentei saír, pero non o conseguín ata que chegaron as emerxencias", relata á TVG.
Topárona entre o asento e o volante e só sufriu feridas leves na cara e na man, ademais dun pequeno pneumotórax.
"Ferida leve, moi leve. Foi un milagre saír viva. Logo lin que se pasaba o accidente 100 veces, 99 estaría morta", relata dende o hospital.
Ía xantar coa súa nai que, cando comprobou o estado no que quedara o coche, temeu o peor. Noa foi consciente máis tarde, cando viu as imaxes, da sorte que tivo.
"Intento non pensar... e teño a sorte de non lembrar o sufrimento".
O que non vai esquecer é o 11 de febreiro de 2026, unha data na que a vida lle brindou unha segunda oportunidade.