Publicador de contidos

Publicador de contidos

No Espiñedo so faltou o gol entre o Arenteiro e o Guadalaxara

No Espiñedo so faltou o gol entre o Arenteiro e o Guadalaxara

Moitas alternativas no xogo e nas ocasións, pero non se moveu o marcador

Lesionouse David Ferreiro e Mingo reclamou un gol pantasma

G24.gal 12/10/2025 18:00

O Arenteiro e o Guadalaxara empataron sen goles no Espiñedo, nun encontro con moitas ocasións para os dous conxuntos.

O partido comezou cos equipos intentando crear perigo polas bandas. Así chegaba o primeiro achegamento do Guadalaxara, cun centro de Martínez ao que non chegou ningún compañeiro, e tamén o primeiro do Arenteiro, que sacou Gallardo. Despois apareceu Mingo, o home gol deste Arenteiro, para probar a Zarco. E, contra a media hora, mancábase David Ferreiro, que foi substituído por Richarte.

A máis clara para o Guadalaxara, nesta primeira metade, foi nun remate de Pablo Muñoz desde a frontal que bateu no traveseiro de Diego García. E xusto antes do descanso, o banco galego pedía a revisión dun centro de Jordan, por posibles mans no despexe. O árbitro, que expulsou un membro do banco do Arenteiro na acción, non apreciou penalti.

Na segunda metade, o Guadalaxara comezou dominando, e puxo a proba a Diego con varios lanzamentos lonxanos de Miguel Cera, Salifo, Pablo Rojo e un remate cruzado de David Amigo. Pero o que estivo a piques de marcar foi Mingo para o Arenteiro, cunha cabezada que foi revisada, pero que o árbitro determinou que non cruzou a liña.

Sucedíanse as ocasións dos dous equipos, pero o encontro rematou sen goles. Nos últimos minutos o Guadalaxara intensificou o dominio, tendo unha clara ocasión salvada desde a liña. O empate mantén ao Arenteiro na zona morna con nove puntos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade