Nicolás González, PSdeG: "O acordo do Mercosur beneficia a industria galega"
O eurodeputado do PSdeG asegura que o envío do texto ao TXUE supón "un atraso na ratificación, pero non a paralización do acordo"
González fai balance dos 40 anos de adhesión europea: "Sería imposible imaxinar o progreso galego fóra do paraugas europeo"
O eurodeputado do PSdeG Nicolás González asegura que o envío do acordo Mercosur-UE ao Tribunal de Xustiza europeo "supón un atraso na ratificación, pero non a paralización do acordo". Matizouno nunha entrevista no Bos días, co gallo do 40 aniversario da entrada de España na Unión Europea.
Gonzalez asegura que a remisión do acordo comercial á UE non implica a paralización do tratado, senón un "atraso" no proceso de votación definitiva por parte do Parlamento Europeo, á espera do ditame do tribunal.
"Non é un acordo de coches por vacas; a industria galega terá máis oportunidades cos países irmáns do Mercosur"
González defende as oportunidades que este acordo supón para Galicia, non só para o sector agrogandeiro, senón tamén para a industria galega no seu conxunto.“Eu creo nunha Galicia competitiva, que mira ao exterior e aos países irmáns do Mercosur”, sinala, e o acordo "beneficia ao agro, aos produtores de viño e leite, pero tamén á industria galega".
"Escoito dicir que é un acordo de coches por vacas. Non é así. Temos a fábrica máis importante de automóbiles de España, e esa fabrica terá mais oportunidades con acordos como o de Mercosur".
Antes a reticencias amosadas polo sector agrogandeiro, o eurodeputado socialista Nicolás González lembra que o acordo asinado entre A UE e o Mercosur introduce "salvagardas específicas" para os sectores que poderían verse máis afectados pola entrada de produtos procedentes de América do Sur. Así, por exemplo, as importacións estarán limitadas ao 1,5 % do consumo total.
Preguntado pola coincidencia da esquerda e a dereita na votación deste texto no Parlamento, un consenso político pouco habitual, González salienta que el cre no "multilateralismo e nas oportunidades". "Cando as portas se pechan e poñen aranceis aos nosos produtos está ben chegar a acordos con outras democracias que se parecen tanto á nosa".
"Sería imposible imaxinar o progreso galego fóra do paraugas europeo"
O eurodeputado socalista fixo balance dos 40 anos de España na UE. Asegura que desde 1986 o cambio no rural galego foi "para ben", e explica: "Ninguén pode imaxinar o progreso de Galicia se estivésemos fóra do paraugas da Unión Europea".
González critica a "incoherencia" dalgúns cargos políticos que atacan a UE e, "pola tarde, piden fondos europeos que despois venden nas municipais".
"O que agardamos de Venezuela é que avance democraticamente"
Na entrevista, Nicolás González referiuse á situación política de Venezuela, tras a captura de Nicolás Maduro por parte dos EUA. "A min paréceme ben que Maduro xa non estea no poder, o que non me gusta é a forma en que isto ocorreu", afirma. "Esa inxerencia pódese dar en calquera país".
Para o eurodeputado socialista, "quedar cos recursos de Venezuela e co mesmo réxime non foi un avance democrático. O que agardamos de Venezuela é que avance democraticamente". Lembra que, aínda que Venezuela forma parte do Mercosur, as sancións europeas impiden calquera negociación directa con ese país "ata que se produzan avances democráticos reais".
Entre os retos inmediatos de Galicia ante a Unión Europea, González destaca a consecución de orzamentos para a nosa comunidade.