Publicador de contidos

Publicador de contidos

Néganlle a orde de busca europea da exparella, investigado por drogala e violala

Néganlle a orde de busca europea da exparella, investigado por drogala e violala

Hai unha orde de busca en España dende hai catro anos porque o acusado non se presentou ao xuízo

Denuncia que o home co que viviu oito anos gravara máis de 300 imaxes e vídeos dela inconsciente na cama

G24.gal 09/02/2026 14:53

Historia similar á de Gisele Pellicot, pero en Carballo. Non é oportunismo. O seu pesadelo comezou antes de que se fixese coñecido o caso da francesa drogada e prostituída polo seu marido. Contouno aquí na Televisión de Galicia. 

"De verdade que esta persoa me fixo iso? Pois si. E se aínda fose alguén de fóra, pero facelo o teu marido", dicía Tamara.

Daquela falou de costas, pero despois de catro anos non está disposta a seguir agochándose. 

"Eu non teño por que esconderme. Nin eu nin as mulleres maltratadas. Non temos por que escondernos. Nós somos as vítimas. Non fixemos nada", reivindica esta muller de Carballo.

A historia é durísima. Tamén como o soubo, por unha carta que chegou do xulgado. Dentro, o horror.

"Eu abro, póñome a ler e xa vexo seis fotos miñas. E digo... que é isto? .... Esta non podo ser eu! Vin 300 fotos miñas e había máis e vin oito vídeos, nos que estaba eu na cama inconsciente e había máis mulleres", confesa Tamara.

Vídeos e imaxes supostamente gravadas por quen foi a súa parella durante oito anos e o seu amigo durante un tempo máis. 

"Estábano investigando na Coruña por pornografía infantil e cando lle fixeron o rexistro na casa, foi cando atoparon un disco duro coas miñas fotos", explica a vítima. 

Chegou a sentirse culpable.

"Moitas veces estabamos na sala ou na cociña falando e espertaba na cociña e non o entendía. El dicía que quedara durmida e que me levara para a cama. Agora rebobinando doume de conta..., agora, pero eu non sabía nada. Foi un golpe tan forte", confesa. 

Non houbo xuízo, porque el fuxiu. Está en busca e captura en España, pero todo apunta a que marchou para o estranxeiro. Pode ser que a Suíza, pero a xustiza acaba de denegar a orde de busca europea. Outra labazada. 

"Non me parece xusto que non o busquen a nivel internacional cando saben que non está aquí e que siga facéndolle a outras mulleres o que me fixo a min", lamenta ante a última decisión xudicial.

Apoiada pola Fiscalía, que xa recorreu, Tamara pide que o busquen para que ninguén corra o risco de sufrir o martirio no que ela, cunha filla aínda menor de idade, vive.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade