Naturgy dispara o seu beneficio un 10 % no primeiro semestre do ano, ata os 1.147 millóns
Estima que as súas ganancias superarán este 2025 os 2.000 millóns de euros, unha cifra récord
Os accionistas recibirán unha retribución de 0,60 euros por acción, un 20 % máis que o ano pasado

Naturgy obtivo un beneficio neto de 1.147 millóns de euros no primeiro semestre do ano, que representa un incremento do 10 % con respecto ao mesmo período do exercicio anterior, e apunta a unhas ganancias récord de máis de 2.000 millóns de euros en 2025, segundo informou a compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).
Nun contexto de prezos enerxéticos máis altos en comparación co primeiro semestre, tanto en gas como en electricidade, e tamén de incerteza macroeconómica, o resultado bruto de explotación da primeira gasista e terceira eléctrica de España situouse a peche de xuño nos 2.848 millóns de euros, mantendo niveles récord en liña co primeiro semestre de 2024.
"O grupo superou as expectativas do mercado", asegura o presidente Francisco Reynés
No período de xaneiro a xuño, o grupo presidido por Francisco Reynés investiu 897 millóns de euros, principalmente en renovables e redes. A capacidade instalada de xeración renovable alcanzou os 7,7 xigawatts (GW), con 1,4 GW de capacidade adicional actualmente en construción.
A débeda neta a peche do semestre situouse en 13.689 millóns de euros, fronte aos 12.201 millóns de euros a peche de 2024.
Con estas cifras en xuño, Naturgy prevé para o conxunto do exercicio 2025 un beneficio neto superior aos 2.000 millóns de euros e estima acabar cunha débeda neta por baixo de 14.700 millóns.
"Nun contexto económico e sectorial moi complexo, o grupo superou as expectativas do mercado, mantendo sempre o foco de investimento con visión de longo prazo e a disciplina financeira nas súas decisións; estas características permítennos manter un balance robusto e unha xestión adecuada dos riscos do negocio", dixo o presidente Francisco Reynés.
No que respecta á retribución aos seus accionistas, o consello de administración aprobou o pago o próximo 30 de xullo do primeiro dividendo a conta do exercicio 2025 de 0,60 euro/acción, o que representa un 20% máis con respecto aos 0,50 euros de hai un ano.