Nace Sanidade Mediaverso, unha plataforma pública para a promoción da saúde
Inclúe xogos, apps, material audiovisual e de realidade aumentada
Está articulada en catro obxectivos: alimentarse ben, facer exercicio, gozar de benestar emocional e previr adiccións
Aplicacións para facer exercicio, xogos en liña para elaborar menús saudables, guías sonoras para reducir o estrés ou pílulas formativas para evitar adiccións. Todo iso está desde hoxe nunha plataforma de mediaverso, totalmente gratuíta, que acaba de lanzar o Sergas para fomentar os hábitos saudables entre a poboación galega.
"Son diferentes solucións de realidade aumentada, realidade virtual, material audiovisual... para que a opción saudable sexa a máis doada de elixir e a máis divertida", explica Silvia Suárez, a subdirectora xeral de Programas de Fomento de Hábitos Saudables.
A plataforma presentárona hoxe os responsables do Sergas e xa está dispoñible en Internet e accesible desde o móbil. Se o usuario o desexa, pode compartir datos dos seus hábitos co seu médico, porque pode conectarse a Sergas Móbil.
"Hoxe é un día importante, que consolida a nosa inteción, no ámbito da saúde pública, de traballar na prevención, animando a unha alimentación saudable, á práctica do exercicio físico ou ao coidado do benestar emocional", di Xulio García Comesaña, o conselleiro de Sanidade .
E un proxecto que desenvolveu a Consellería cos Fondos Europeos de Recuperación e Resiliencia. Segundo os datos da propia UE, o sedentarismo en occidente aumentou de media dúas horas e media ao día tras a pandemia.