Publicador de contidos

Publicador de contidos

Na comarca de Valdeorras as lapas arrasan milleiros de hectáreas e destrúen vivendas

Na comarca de Valdeorras as lapas arrasan milleiros de hectáreas e destrúen vivendas

Ao incendio de Seadur, en Larouco, que xa arrasou unhas 6.000 hectáreas, súmase un incendio activo de grande intensidade que provén de León, e que tamén complica a situación da comarca de Valdeorras

As lapas ameazan zonas como a da Penouta, en Vilamartín de Valdeorras, A Rúa, O Barco de Valdeorras ou mesmo chegan a Forcadela

Na vila de San Vicente, o lume arrasou varias vivendas e xa quedan só doce casas en pé

G24.gal 17/08/2025 21:23

A situación na comarca de Valdeorras está a ser moi complicada. Os incendios afectan a varios puntos, algúns con perímetros extensos. As lapas seguen a arrasar o monte e nalgúns casos as vivendas. O traballo dos veciños é incansable.

"Temos unha situación complicada a nivel xeral na provincia polo gran número de lumes que temos, pero dentro desa situación a máis complexa que dan as previsións para hoxe é na zona norte da provincia nun lume que se orixinou en Larouco, na parroquia de Seadur, e agora mesmo está ocasionando problemas que poden afectar á zona do Barco de Valdeorras", di Sandra Martínez Paz, xefa do Servizo de Prevención de Incendios na provincia de Ourense.

A esa situación do incendio de Seadur, en Larouco, que xa arrasou unhas 6.000 hectáreas, súmase un incendio activo de grande intensidade que provén de León, e que tamén complica a situación da comarca de Valdeorras.

"Están próximos eses dous incendios, son moi virulentos. O de Larouco tivo un fenómeno convectivo que orixinou múltiples focos secundarios desde o primeiro día, ten unha alta intensidade e o de León tamén, están poñendo en problemas moitas poboacións por eses saltos de focos secundarios", engade.

As lapas ameazan zonas como a da Penouta, en Vilamartín de Valdeorras, A Rúa, O Barco de Valdeorras ou mesmo chegan a Forcadela. Durante toda a xornada, os equipos de extinción, os medios aéreos, veciños da zona e voluntarios tratan de controlar o lume. No Barco, veciños de Outarelo e Vilanova esperan con tractores e pas a entrada do lume para impedir que chegue ás vivendas. Na vila de San Vicente, o lume arrasou varias vivendas e xa quedan só doce casas en pé.

 

 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade