Publicador de contidos

Publicador de contidos

Murcia, Andalucía e Cataluña súmanse ao manifesto de Galicia e Euskadi para mellorar a atención primaria

Murcia, Andalucía e Cataluña súmanse ao manifesto de Galicia e Euskadi para mellorar a atención primaria

As comunidades autónomas denuncian que non teñen médicos para contratar e pídenlle ao Ministerio que flexibilice os requisitos

Galicia e as outras catro comunidades propoñen convocar mil prazas máis cada ano no MIR da especialidade de Medicina de Familia

G24.gal 05/07/2022 14:09

Cataluña, Andalucía e Murcia sumáronse nas últimas horas ao manifesto das consellerías de Sanidade de Galicia e de Euskadi. Demandan ao Goberno central unha solución para os problemas da Atención Primaria que consideran neste momento "o máis grave e máis urxente da sanidade española".

"Nestes momentos non hai absolutamente ninguén para substituír os que se xubilen nin tampouco unha vacante por unha baixa longa, polo tanto o problema agudízase. A solución pasa por ter máis profesionais formados, e iso é o que estamos a demandar, que nos permitan formar máis", explicou o Conselleiro Xulio García Comesaña.

O manifesto propón seis puntos para resolver este problema. As comunidades que asinan pretenden debater esas propostas no próximo Consello Interterritorial, para o que o Ministerio aínda non fixou data.

Piden modificar o sistema de cobertura das prazas MIR para garantir que non quedan vacantes nun momento de tanta necesidade. Queren crear a especialidade de urxencias, distinta da medicina familiar, para garantir máis prazas nos centros de saúde. E tamén propoñen outras medidas, como un MIR extraordinario, un rexistro de profesionais e que a atención primaria retome o seu rol como eixe vertebrador do sistema de saúde. As comunidades asumen que elas poñerán os recursos económicos.

"Só precisamos que habilten esas prazas novas cun sistema máis flexible. A sensación é que nesta parte tan importante o ministerio non dá pasos áxiles. Non digo que non estean traballando pero dende logo o resultado non se ve", dixo García Comesaña.


Neste momento, un 20 % das citas en Atención Primaria teñen unha demora de máis de catro días. Lembrou o conselleiro que hai acordo cos sindicatos para retribuír mellor os médicos que teñan que completar xornadas, pero considera que esta medida non será suficiente para cubrir o déficit estrutural de médicos. É preciso, dixo, flexibilizar a burocracia que esixe o ministerio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade