Mulleres de entre 40 e 93 anos integran un club de lectura Boborás
O club foi promovido por Pepe Fuentes, mestre xubilado de Boborás, coa idea de promover a lectura en galego, ademais de exercitar a memoria e a interacción social
Son quince e reúnense cada semana no centro social da parroquia de Astureses
Os libros como motivo para o encontro social e o exercicio da memoria. Con esa premisa funcionan os clubs de lectura, como o que puxeron en marcha na parroquia de Astureses en Boborás. Participan sobre todo mulleres, que deste xeito iniciaron ou recuperaron o hábito lector.
Resgardadas da calor no centro social da parroquia, as lectoras déixanse levar polas historias de cine que contén a lectura deste mes, Capitol, última sesión. Son un grupo de quince mulleres de Astureses, desde os 93 ata os 40 anos, que integran este animado club de lectura.
"A min gústanme as historias do libro, o que pasa é que a cabeza xa non retén, como di a compañeira". "A min enganchoume o Pepe e aquí estou e paréceme moi ben, porque se non fora por vir aquí xa noutro sitio non nos topamos", comentan algunhas das mulleres participantes.
Na sesión de hoxe estivo presente o escritor e exdirector do OUFF Miguel Anxo Fernández, autor do libro que teñen como lectura. "Como sacan elas a esencia do relato, que é a parte espiritual ou emocional. Iso si que me parece moi interesante", sinala Miguel Anxo Fernández.
Unha actividade coa que empezan ou recuperan o hábito da lectura que foron abandonando coa idade. Pero ademais serve para exercitar a memoria e o intercambio social, moi necesario no rural.
"Ler exercita a memoria, promove as relacións sociais, facilita o intercambio de ideas, a tolerancia e un montón de cousas", comenta José "Pepe" Eliseo Fuentes, mestre xubilado de Boborás, quen puxo en marcha esta inciativa.
"Cando era máis nova lía, a verdade é que non moito, pero agora isto gustoume e enganchoume e a partir de agora vou ler máis", confesa unha das participantes.
"Lía moito cando era unha moza, pero agora deixeino. Por que? Pois porque fállame a vista, cánsame e dóeme a cabeza. Pero sí que me gusta", sinala outra muller de Astureses.
A literatura é sempre unha boa compañía. Compartila, enriquece a experiencia...