Morren 12 persoas en Ucraína, nun dos ataques máis duros dende o inicio da guerra
Moscova recrúa os bombardeos, por segundo día consecutivo, en Kíiv e outras rexións do país
As forzas aéreas ucraínas neutralizaron na noite e na madrugada un total de 266 drons e 45 mísiles

Polo menos doce persoas morreron e 60 quedaron feridas en diferentes rexións de Ucraína nun dos ataques rusos máis duros dende o inicio da guerra, segundo denuncia a Unión Europea.
O ministro do Interior de Ucraína, Igor Klimenko, asegura na súa conta da rede social Facebook que os bombardeos afectaron un total de trece rexións.
"O inimigo utilizou mísiles e drons de ataque. As vivendas dos civís foron branco dos ataques: máis de 80 edificios residenciais resultaron danados. Rexistráronse 27 incendios, e os bombeiros seguen extinguindo as chamas en 3 lugares (...). Foi un ataque combinado e desapiadado dirixido contra civís. O inimigo demostrou unha vez máis que o seu obxectivo é o medo e a morte", escribiu.
Só na rexión de Kíiv, tres persoas morreron no ataque dun dron e dez quedaron feridas nunha intensa noite de bombardeos.
"Dous cadáveres foron descubertos mentres se extinguía un incendio no distrito de Obukhiv. Outra persoa morreu no distrito de Bucha", asegura o responsable da Administración Militar Rexional de Kíiv, Mikola Kalashnik, na súa conta de Telegram.

Vítimas noutros puntos do país
Na cidade de Nicolaiev, no sur de Ucraína, os Servizos de Emerxencia informaron da morte dunha persoa noutra explosión causada por un dron que impactou sobre unha zona residencial e deixou cinco feridos.
En Jemelnitski, rexión do oeste, as autoridades locais deron conta da morte de polo menos outras catro persoas nos bombardeos, que tamén causaron cinco feridos.
Do mesmo xeito, houbo tres vítimas mortais e doce persoas feridas na rexión de Zhitómir, no oeste do país. Estas tres vítimas eran menores, dunha familia en que os pais quedaron feridos, segundo precisou o ministro do Interior.
"Ataque masivo"
Nunha información publicada na súa conta de Telegram, os Servizos de Emerxencia aseguraron que estiveron activos en 30 cidades e pobos tras o que chamaron un "ataque masivo".
A Forza Aérea ucraína, no seu parte preliminar sobre as actividades na noite do sábado ao domingo, deron conta da neutralización de 266 drons no norte, sur, leste e oeste do país, e derrubaron 45 mísiles.
"Ataques aéreos inimigos foron rexistrados en 22 puntos, ademais da caída de mísiles de cruceiro e drons de ataque derrubados noutras 15 localizacións", apuntou a mensaxe da Forza Aérea.
"Case todas as rexións víronse afectadas por este ataque inimigo", sinalou a Forza Aérea, que tamén recoñeceu "mortes e feridos, incluídos nenos".

Zelenski pide presión sobre Rusia
Ante a magnitude dos ataques da fin de semana, o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, pediu este domingo que os actores internacionais, especialmente os Estados Unidos e os países europeos, aumenten a presión contra Rusia.
"Sen unha presión realmente forte sobre as autoridades rusas, esta brutalidade non pode pararse", manifestou nunha mensaxe na súa conta de Telegram.
Tamén aludiu á necesidade de "determinación" fronte a Moscova.
"O mundo coñece todas as debilidades da economía rusa. É posible parar a guerra, pero só coa forza necesaria para premer a Rusia", destacou.
Xa o sábado, tras outra noite de bombardeos que deixaron varias vítimas, pediu máis presión internacional sobre Moscova e o presidente ruso, Vladimir Putin.

Intercambio de prisioneiros
Mentres, este domingo continuou o intercambio de prisioneiros no marco do acordo alcanzado entre ambas as dúas potencias a semana pasada en Istambul.
En total, regresaron a casa 303 persoas por bando este domingo. Sumadas ás 307 que quedaron en liberdade na xornada anterior, e ás 390 do venres, cumpren co pacto subscrito para trocar un total 1.000 persoas cativas.