Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morren polo menos un cento de persoas en ataques aéreos de Israel, segundo fontes palestinas

Morren polo menos un cento de persoas en ataques aéreos de Israel, segundo fontes palestinas

Hamas acusa o estado hebreo de cometer un masacre, mentres Israel di que os falecidos eran terroristas

Netanyahu insta a manter a presión militar en Gaza tras a liberación de dous reféns

G24.gal 12/02/2024 09:01 Última actualización 12/02/2024 10:11

A que era a cidade segura do sur de Gaza, Rafah, foi atacada esta noite polo exército israelí. Hai polo menos unhas cen persoas mortas en ataques aéreos de Israel, segundo fontes médicas citadas pola axencia oficial de noticias palestina Wafa.

Segundo informou nun comunicado, o exército israelí atacou durante a madrugada a área do campo de refuxiados de Shaboura, en Rafah, mentres que segundo Wafa, as forzas israelís realizaron "intensos bombardeos" contra varias zonas da cidade, onde se amorean uns 1,4 millóns de civís palestinos, a maioría desprazados internos.

"Fontes sanitarias en Rafah dixeron que uns 100 cidadáns, entre eles nenos e mulleres, morreron, e centos máis quedaron feridos", informou Wafa. Segundo medios locais, avións de combate realizaron uns corenta ataques, "dirixidos en particular a numerosas mesquitas e casas que albergaban persoas desprazadas, xunto con intensos bombardeos de artillería por parte de buques de guerra contra a cidade de Rafah".

Segundo Wafa, os bombardeos "tamén tiveron como obxectivo zonas próximas á fronteira con Exipto", e moitos mortos e feridos foron transportados ao Hospital kuwaití de Rafah, onde se xuntaron tamén centos de palestinos que fuxían dos ataques israelís.

Rescate de dous reféns

O Exército israelí informou do rescate de dous reféns que mantiña Hamas nunha operación nocturna na zona de Rafah. Os rescatados foran tomados como reféns no ataque de Hamas que o pasado 7 de outubro deu inicio ao actual conflito. O ataque israelí en Rafah ocorreu poucas horas despois de que o presidente dos Estados Unidos Joe Biden lle pedise ao primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu absterse dunha ofensiva militar en Rafah sen un plan que garanta a seguridade de civís.

Nunha chamada que ambos os líderes sostiveron este domingo, Biden pediu medidas urxentes e específicas para aumentar o rendemento e a coherencia da asistencia humanitaria a civís palestinos inocentes. "Unha operación militar en Rafah non debería levarse a cabo sen un plan crible e executable para garantir a seguridade e o apoio aos máis dun millón de persoas que se refuxian alí", sinalou Biden durante a conversación, segundo un comunicado da Casa Branca.

Netanyahu asegurou este domingo que Israel está decidido a realizar unha ofensiva terrestre a Rafah, mentres vai crecendo a presión internacional alertando contra esta operación. Desde o estalido da guerra hai máis de catro meses, a ofensiva sobre Gaza leva máis de 28.100 palestinos mortos.

Netanyahu insta a manter a presión militar en Gaza

Benjamin Netanyahu defendeu este luns a súa estratexia de manter a presión militar sobre Gaza como vía para a liberación dos reféns, despois de que o exército de Israel lograse liberar a dous cativos nunha operación en Rafah.

"Saúdo os nosos valentes guerreiros pola audaz acción que conduciu á liberación dos dous reféns", dixo o primeiro ministro israelí. "Só a continuación da presión militar, ata a vitoria completa, dará como resultado a liberación dos nosos secuestrados", agregou o mandatario nun comunicado.

O Foro de Familias de Reféns e Desaparecidos celebrou que as forzas israelís conseguisen poñer en liberdade os dous cativos, Fernando Simón Marman e Norberto Luis Har, aínda que alertou de novo a Netanyahu de "que se acaba o tempo para os reféns que quedan retidos en mans de Hamas".

As vidas dos máis de 130 reféns que seguen en Gaza, dos que un cento poderían estar vivos, "están en risco cada momento que pasa", ante o que "o Goberno israelí debe esgotar todas as opcións que teña sobre a mesa para liberalos", dixeron as familiares.

Os parentes e achegados dos reféns foron aumentando a presión ás autoridades para que cheguen a calquera acordo con Hamas que implique a liberación dos seus seres queridos, mentres Netanyahu asegurou que as demandas de Hamas para unha tregua non eran aceptables e apelou ata o de agora a seguir coa vía militar.

A complexa operación desta noite que derivou na liberación dos dous cativos é a segunda que o exército israelí logra realizar con éxito desde o inicio da guerra hai máis de 4 meses, despois de que en outubro lograse liberar tamén unha soldado israelí.

O 7 de outubro, día de inicio do conflito, cando Hamas fixo un ataque sorpresa a Israel, milicianos palestinos levaron a máis de 240 persoas reféns a Gaza. Destes, sumando aos dous cativos soltados hoxe, un total de 112 foron liberados, a maioría nunha tregua dunha semana o pasado novembro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade