Morren polo menos 60 migrantes nun naufraxio na costa de Italia
Os servizos de salvamento lograron rescatar uns 80 sobreviventes dun bote no que ían entre 200 e 250 persoas
Sucedeu nas proximidades da costa de Calabria nas augas de Steccato di Cutro
Os gardacostas investigan o naufraxio, que deixa moitos nenos entre as vítimas
Os cadáveres de 60 migrantes foron recuperados este domingo fronte á costa do sur de Italia, cando menos doce deles nenos, na rexión de Calabria, despois de naufragar a precaria embarcación na que viaxaban.
Non se descarta que o número de mortos sexa maior, mentres que se puideron rescatar uns 80 sobreviventes que lograron chegar a unha praia da localidade de Cutro (provincia de Crotone), onde están a ser atendidos por equipos de emerxencia desde primeira hora da mañá.
Os sobreviventes explicáronlles ás autoridades que a precaria barca de pesca na que viaxaban entre 200 e 250 migrantes partiu pola metade e moitos dos seus pasaxeiros afundíronse, xa que o mar estaba axitado.
Ao parecer, a barca chocou contra unhas rochas antes de que os migrantes puidesen pedir axuda. Os cadáveres, entre os que hai un bebé neonato e varios nenos, apareceron na turística praia de Steccato e, de acordo cos Carabineiros, están dispersos ao longo de varios quilómetros.
Mentres avanzan os labores de socorro, as autoridades están a interrogar os sobreviventes para coñecer as circunstancias do accidente e a orixe dos migrantes, que, segundo a prensa local, son na súa maioría de Irán, Paquistán e Afganistán.
A traxedia prodúcese tres días despois de que o Parlamento italiano aprobara este xoves un novo decreto migratorio, elaborado polo Goberno da ultradereitista Giorgia Meloni, que modifica substancialmente as operacións de socorro dos buques das ONG.
Entre outras cuestións, a norma obriga a pedir a asignación dun porto tras o primeiro rescate dun grupo de migrantes e a dirixirse a esa localización sen desviarse para localizar outras embarcacións en perigo.
Ademais, as ONG denunciaron en repetidas ocasións que desde hai meses as autoridades italianas asignan portos afastados, no norte e centro de Italia, aos que tardan en chegar ata catro e cinco días desatendendo as súas operacións na zona do Mediterráneo central, onde naufragan a maioría deste tipo de embarcacións.
