Morre un motorista de 65 anos en Padrón ao chocar frontalmente cando facía un adiantamento
O motorista falecido estaba adiantando en liña continua no momento do choque
Un motorista de 65 anos faleceu na C-242, no concello de Padrón, cando trataba de adiantar un vehículo nun treito de liña continua. O home, para adiantar, invadiu o outro carril e impactou frontalmente cun coche que circulaba en sentido contrario. O motorista faleceu no momento, segundo informa o 112.
O accidente produciuse ás 19:10 horas deste domingo no quilómetro cinco da estrada C-242. Ata o lugar do sinistro desprazáronse dúas patrullas de motoristas da Garda Civil e un equipo de atestados de Santiago de Compostela.

Un condutor grave en Moeche ao saír da vía
Outro accidente de tráfico na localidade de Moeche ao saír da vía o condutor do vehículo. O condutor e único ocupante do vehículo saíra da vía na localidade de San Xoán de Moeche por motivos que de momento se descoñecen.
O condutor tivo que ser excarcerado despois da caída con desprendemento. O accidente produciuse contra as sete da tarde na vía de Moeche a Bouza. Ata o lugar do sinistro desprazáronse dúas patrullas do destacamento de Ferrol. O home está pendente das probas de alcoholemia e drogas, segundo informa a Garda Civil.