Morre aos 74 anos Victor Willis, o policía de Village People coautor dos seus éxitos
Willis coescribiu éxitos mundiais como "YMCA", "In the Navy", "Macho Man" e "Go West"
A banda vendeu máis de 100 millóns de discos e actuou na investidura de Trump
Reuters
Victor Willis, vocalista principal da formación orixinal de Village People e coautor de éxitos como "YMCA" ou "In the Navy", faleceu aos 74 anos tras un curta pero agresiva enfermidade.
Así o anunciou este mércores o grupo na súa páxina oficial de Facebook, na que expresan a súa profunda tristeza polo falecemento o luns 30 de xuño de Willis.
O cantante, que faría este mércores 75 anos, era o policía do grupo, que se creou en 1977 e no que cada un dos seus membros adoptou un personaxe diferente. Os outros eran un vaqueiro, un militar, un motorista, un obreiro e un indio.
Willis foi o primeiro en entrar en Village People, un proxecto do produtor Jacques Morali, que o convenceu cunha frase: "Teño catro cancións. Agora mesmo non podo pagarche moito, pero se aceptas, convertireite nunha estrela", segundo recolle a páxina web do grupo.
Nado en Texas en 1951, fillo dun predicador, Willis comezou a cantar no coro da igrexa do seu pai e formouse en Nova York, onde participou en obras de teatro e musicais.
Precisamente foi descuberto nun musical, The Wiz, polo arranxador Horace Ott, que foi quen suxeriu o seu nome a Morali.
Esas catro primeiras cancións -"San Francisco (You've Got Me)", "In Hollywood (Everyone's a Star)", "Fire Island" e "Village People"- foron gravadas por Willis xunto a coristas profesionais e publicáronse no álbum Village People en 1977.
Foi un enorme éxito e a razón de que se crease un grupo que acompañase a Willis. Mark Mussler (obreiro), David Forrest (vaqueiro), Le Mouton (motorista) e Peter Whitehead (sen unha personaxe definida) foron os elixidos a fume de carozo para aquela primeira formación.
Tras unha primeira actuación nun programa televisivo publicouse un anuncio para cambiar os primeiros membros. O texto simplemente dicía: "Búscanse homes moi masculinos para grupo de música disco de fama mundial. Deben saber bailar e levar bigote".
E uníronse Randy Jones (vaqueiro), Glenn Hughes (motorista) e David Hodo (obreiro), aos que logo se sumarían Felipe Rose (indio) e Alex Briley (militar).
Willis permaneceu pouco máis de dous anos no grupo, tempo no que coescribiu éxitos mundiais como "YMCA", "In the Navy", "Macho Man", "Go West".
A finais de 1979 decidiu emprender unha carreira en solitario que non tivo moita repercusión e regresou a Village People en 2017 como cantante principal.
A banda vendeu máis de 100 millóns de discos en todo o mundo e segue tendo un gran éxito. En 2025 Village People actuou nos actos de investidura como presidente dos Estados Unidos de Donald Trump.
Willis, que durante anos tivo graves problemas coas drogas, estivo casado de 1978 a 1982 coa actriz Phylicia Ayers-Allen, moi popular nos anos oitenta polo seu papel de Clais Huxtable n'O show de Bill Cosby, e en 2007 casou coa avogada Karen Huff.